Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O himno de Pascual Veiga estreouse en 1896

'Que din os rumorosos' xa soaba con música no século XIX

No Congreso que está a ter lugar estes días na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, acábase de revelar un novo dato sobre o himno: os actos céntranse en homenaxear a Pascual Veiga no centenario da estrea da versión musical, pero o musicólogo Fernando López Acuña descubriu que realmente non se produciu en 1907, senón xa no 1896.

Redacción - 14:32 02/03/2007
Pascual Veiga

Pascual Veiga

O Congreso "Pascual Veiga e a súa época" está a celebrarse do 1 ao 3 de marzo na EAEM, organizado pola Consellería de Cultura, con motivo do centenario da estrea do himno musicado por Pascual Veiga. Pero xa na primeira xornada sóubose que o centenario non é tal, senón que son xa 111 anos os que se fan deste fito: Fernando López-Acuña, membro do grupo de investigación, obtivo datos que refutan a hipótese da estrea na Habana en 1907. Non se saben a data e o lugar exacto, pero segundo as informacións publicadas e partituras dos orfeóns da época, o himno tal e como o coñecemos xa era tocado no 1896: a prensa especializada recolle a polémica que xurdiu nun certame de Lugo, despois de que o Orfeón do Centro Galego de Madrid dirixido por Veiga o perdese. O Orfeón emprega a letra do poema de Pondal para defenderse "máis só os iñorantes, e feridos e duros,/ imbéciles e escuros/ non nos entenden, non". Outros vestixios sitúan a composición do mindoniense en mans do Orfeón madrileño El Eco.

Ademais, Rosa Fernández, coordinadora do Congreso e membro do grupo de investigación, afirmou que a partitura do 13 de xullo de 1890 sobre 'Os Pinos', non é de Veiga, "senón do gañador do certame á mellor marcha rexional galega, o catalán Ivo Gotós". Naquel certame presentáranse dez composicións sobre o poema de Pondal, e foi a de Veiga a vencedora, "entre abril e xullo de 1890". A doutora en Musicoloxía e Membro da Real Academia de Belas Artes de Cataluña presentou a Veiga como "pioneiro do nacionalismo musical no Estado español".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: