Galiza e o Estado terán un novo marco de relación. Logo dunha reunión en Madrid, o vicepresidente anunciou a creación dunha Comisión Bilateral Estado-Xunta e a chegada de novas transferencias, entre elas a de salvamento marítimo e inspección de traballo.
Anxo Quintana e o ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, acordaron este mércores a transferencia de sete novas competencias entre as que están as de salvamento marítimo; a inspección de traballo; a titularidade dos arquivos históricos; os centros de investigación do Estado con sede en Galiza; a expedición do título de xestor administrativo; os bens reservados á Tesourería da Seguridade Social e adscritos a servizos xa transferidos e o saldo da débeda de superficie do Estado en todas as provincias galegas.
Nunha conferencia de prensa posterior ao encontro, Jordi Sevilla explicou que para o traspaso constituirase antes dun mes un grupo de traballo conformado por membros dos dous gobernos. Os técnicos teñen que estudar os prazos para as transferencias. O vicepresidente galego sinalou que se estaba a dar un paso “grandísimo” en favor do autogoberno.
Máis competencias
Quintana explicou que o seu executivo aposta por lograr tamén nos vindeiros meses as competencias en materias como o tráfico e a seguridade vial; a xestión do dominio público marítimo-terrestres; e o da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Para o vicepresidente, o paso é especialmente importante para que Galiza, a pesar de non ter aprobado o Estatuto, poida seguir a desenvolver o seu autogoberno. Non hai que esquencer que o anuncio dunha comisión bilateral entre a Xunta e o Estado prodúcese só 48 horas despois de que se constituíra unha entre o goberno central e o catalán. Neste último caso para as transferencias do novo Estatut.