As curtametraxes galegas séguense a dar a coñecer no estranxeiro. Classified, dirixida por Pedro Casais, afincado nos EUA dende os anos 90, foi admitida no programa On the lot, da cadea Fox. O concurso, algo así coma un Operación Triunfo das curtas, está apadriñado por Steven Spielberg.
Fotograma de 'Classified'
Classified trata o tema dos nenos abandonados. Para que o filme chegue á competición final, precisa dos votos dos internautas. Tamén pasou polos Estados Unidos Panta Rei, dirixida por Simón Casal e con música de Julio Montero. A curta estivo no HDFest dos Ánxeles, e exhibirase na Berlinale 2007 da man da Xunta de Galicia.
Pero non fai falla cruzar as fronteiras para ver curtametraxes galegas. O venres 2 de marzo estréase no Teatro Principal de Compostela Barcos, ópera prima de Alejandro Pose. O filme rodouse en tres días, entre a capital galega e Portosín, en formato de alta definición. Está protagonizado por Txema Blasco e producido por Fran Lorenzo. A proxección está prevista para as oito e media do serán.
Por outra banda, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e o Consello da Xuventude de Galicia convocan a segunda edición do certame Curtas na rede. Este ano poderanse presentar traballos que traten temas relacionados coa mocidade, a inmigración, o ambiente ou ben visións nosas/visións alleas. Como novidade, os participantes contarán cunha bitácora de rodaxe dentro da web do concurso, e constituirase un premio para a que máis destaque. Tamén haberá unha nova categoría de micromovies de non máis de trinta segundos de duración. A inscrición está aberta até o 15 de setembro.