Poderemos achegarnos á obra dun dos nosos artistas plásticos máis importantes: dende os seus comezos, como estudante de Dereito en Compostela ao que lle gustaba retratar os homes e mulleres da terra, até os seus últimos traballos no exilio bonaerense, xa erixido no máis vangardista dos nosos pintores. Luís Seoane. Da Costa de Circe á Costa da Morte estará en Compostela do 27 de febreiro ao 29 de abril.
Nesta mostra poderemos ver corenta e cinco lenzos nunca expostos até agora, que pertencían á colección da familia Alcalde Varela. Comisariada por Rosa Espiñeira Pan, experta na obra de Seoane, a exposición percorre toda a traxectoria artística do pintor e poeta, dende o impresionante cuadríptico A Costa de Circe, tempestuoso e barroco (1948), até os traballos máis vangardistas de trinta anos despois.
Sen abandonar nunca a arte figurativa, os trazos son cada vez máis lixeiros, as cores, máis básicas. A estética do cartel e da arte popular non o deixou nunca. Con todo, afirmaba: "Eu non fixen pintura "pop", aínda adiantándome a ela en moitas cousas, porque o "pop" é unha cousa diferente; interveñen nel outros elementos e unha temática moi particular que non hai na miña obra, pero desde logo síntome moito máis cerca cun "pop" que dun expresionista". Sintetizador e idealizador da paisaxe, da identidade, sempre cun aquel de morriña nas imaxes: "son e serei para sempre un desarraigado permanente, sereino, aínda cando agora decida volverme ao meu país. É o destino do exiliado".