Un dos temas recorrentes nos blogs galegos é a nostalxia televisiva. Series da infancia dos autores, que en moitos casos viviron nos anos oitenta e noutros nos noventa, e das que só se teñen boas lembranzas, pero que moitas veces decepcionan ao se volveren ver. Non é o caso das que rememoran o Suevo e Gustavo Harvey.
Álbum de 'Galáctica'
O primeiro dos blogueiros, no seu Diário dum suevo, descóbrenos que aínda conserva un álbum de cromos da mítica serie Galáctica -a clásica, non o remake actual-, que vía naqueles tempos en que só había dúas canles. Por desgraza, nunca chegou a completar a colección. Da outra banda, Gustavo Harvey, que escribe Moderno de merda, retrotráese algo menos até os primeiros tempos da Galega e a serie, tamén de ciencia-ficción, Buck Rogers no século XXV. Harvey atopou un vídeo co son orixinal en inglés, no que o capitán da NASA que pasou cinco séculos conxelado no espazo ensínalle á xente do futuro a bailar danzas modernas.
Luís Cividanes, en Abobriga, analiza a fixación que teñen os ciberescritores por recuperar a infancia ou adolescencia perdidas e salienta o caso de Dustin Diamond, actor que interpretara o papel de Screech na serie Salvados pola campá. O artista vido a menos aproveita a existencia de miles de frikiadeptos para pedirlles cartos para salvar a súa casa. Cividanes afirma que na rede pódense conseguir moito se se moven os fíos sentimentais da xente.