Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A EMPRESA QUERE COMEZAR AS OBRAS EN AGOSTO

O goberno portugués exclúe do réxime forestal os terreos onde Pescanova quere construír

Unha área de 206 hectáreas de bosque da área de Rede Natura no concello portugués de Mira deixa de estar incluída no apartado de protección forestal desde a pasada semana. Así o decidiu o Consello de Ministros do executivo luso, nun paso máis para a construción da piscifactoría de Pescanova no lugar. Ao tempo, a empresa presentoulle aos veciños un avance do proxecto.

- 10:05 26/02/2007
Tags:

Malia que o estudo de impacto ambiental aínda está en proxecto, o goberno portugués acelera para garantirlle a Pescanova a construción da factoría de rodaballo en Mira. O executivo presidido por José Sócrates non parece temer obstáculos desde a UE a un proxecto que lle afecta a unha zona protexida pola lexislación europea.

A comezos de febreiro, o director xeral de Mercados e Relacións Externas de Pesca da UE, o galego César Deben, subliñara que no caso similar de Touriñán, onde Pescanova teimaba en levar adiante outra fábrica en plena Rede Natura, a Xunta actuara correctamente ao prohibir a súa construción. Segundo recoñecía Deben, a Unión Europea tería tomado medidas no caso de que o goberno galego, incumprindo a normativa, permitise aquela planta.

Mentres, e allea ás ameazas legais, Pescanova segue adiante co proxecto portugués, e a pasada semana facía no Centro Cultural Praia de Mira unha presentación dalgúns detalles para os veciños. No acto, Carlos Henriques, responsábel de Pescanova en Portugal, avanzou que pretenden iniciar coas obras o próximo mes de agosto e que as contratacións de persoal para a factoría van comezar en xaneiro de 2008. A empresa calcula que a finais dese mesmo ano, a piscifactoría xa estará operativa.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: