O concello de Londres e Venezuela acaban de asinar un acordo polo cal este último subministraralle combustíbel á capital inglesa a un prezo reducido para ser usado nos buses públicos da cidade. O aforro vai permitir ás autoridades municipais recortaren á metade o custo dos billetes -segundo sinalou o alcalde londiniense, Ken Livingstone-, do que se poderán beneficiar ao redor de 250.000 persoas.
O canal de noticias BBC News recolle a información. Segundo sinalan, un grupo de técnicos do concello viaxará a Venezuela para asesorar ás autoridades do país sudamericano en temas de reciclaxe e xestión de residuos, así como en asuntos de tráfico e en medidas que reduzan as emisións de carbono á atmosfera.
A sinatura do convenio provocou as críticas do líder dos conservadores londinenses, Richard Barnes. "Por que Londres, unha das capitais máis ricas do mundo, precisa explotar unha nación en desenvolvemento? Estes cartos estarían mellor investidos se fosen dirixidos aos pobres de Venezuela", sinalou.
Petróleo para os EUA
Cómpre lembrar que Venezuela é un dos maiores produtores de petróleo do Planeta e que mantén unha forte oposición ao actual goberno dos EUA; porén non lle impediu asinar acordos coas administracións dos estados de Massachusetts, Boston e Nova Iork para subministrarlles gasóleo de calefacción barato ás clases máis desfavorecidas.
Tamén, logo das inundacións en Nova Orleáns provocadas polo furacán Katrina, medidas similares foron tomadas polo goberno de Hugo Chávez.