A semana pasada puidemos gozar de Ósos, do cineasta portugués Pedro Costa. Este mércores ás 22.00, o Cineclube de Compostela proxecta, no local social do Pichel, Onde xace o teu sorriso?, un novo filme de Costa no que documenta a rodaxe de Sicília!, de Danièle Huillet e Jean-Marie Straub.
Este documental foi coproducido entre Portugal e Francia no 2001, e dura 104 minutos. Où gît votre sourire enfoui? será proxectado en versión orixinal subtitulada en portugués. O filme serve de fío condutor na programación do Cineclube entre Ósos de Pedro Costa, que foi proxectada a semana pasada e o propio Sicília, que se poderá ver o próximo mércores.
A obra de Pedro Costa segue unha tradición cinematográfica portuguesa lanzada por Manoel de Oliveira e António Campos, a do cinema inspirado no concepto de antropoloxía visual, xunta outros cineastas como António Reis, João César Monteiro ou Ricardo Costa. Nesta fita, Costa homenaxea o binomio de cineastas Straub-Huillet, dous realizadores cualificados "de cinema experimental", cunha importante bagaxe marxista e unha cinematografía que se achega á teoría do distanciamento do Bertolt Brecht. Relativamente pouco coñecidos, Huillet e Straub representan, con todo, un piar da historia do cinema contemporáneo.