Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO RURAL IMPULSA UN PROXECTO PARA LLE SACAR PARTIDO A BIOMASA

O gasto dos montes podería substituír o gasoil como combustíbel para calefacción

A Consellaría de Medio Rural está a desenvolver un plan piloto, que consiste na produción de pastillas de combustíbel para caldeiras de calefacción a partir do gasto dos montes. Ademais, o proxecto contempla a elaboración de abono a partir dunha mistura de material rozado con xurro de bois. Por outra parte, unha empresa galega transformará en Cerceda plástico usado en biodiésel.

- 17:06 19/02/2007
Tags:

Xosé Anxo Lage, concelleiro do BNG en Lugo e candidato á alcaldía, presentoulles o proxecto aos veciños de Vilachá de Mera, onde hai 4.200 hectáreas de monte veciñal, o pasado domingo. Lage salientou a gran acollida que tivo a iniciativa entre os propietarios da mancomunidade. O edil explicou que nos países nórdicos xa se puxeron en práctica experimentos coma este, que en Galiza permitiría manter o monte galego limpo á vez que crearía unha nova fonte de explotación deste.

"O proxecto conta co apoio da Consellería de Innovación", sinalou Lage, que explicou que o novo combustíbel sería utilizado nas caldeiras de calefacción -previa adecuación destas- que na actualidade funcionan con gasoil.

Ademais, en colaboración con Xenética Fontao, a consellaría ten previsto o aproveitamento do material rozado para a creación de abono. Este compost crearíase ao se mesturar con esterco de bois. Tamén neste caso existen experiencias previas, por exemplo, en León. Segundo cálculos de Medio Rural, o monte galego podería producir até 13 millóns de metros cúbicos de biomasa ao ano.

Respecto polo monte baixo
Dende asociacións ecoloxistas como Verdegaia aplauden a iniciativa "sempre e cando non se roce de calquera xeito". O seu secretario xeral, Xosé María García, lembra que "o monte baixo tamén ten a súa importancia ambiental e as súas funcións biolóxicas, existindo mesmo tipos de mato protexidos pola Rede Natura 2000". Porén, salienta a importancia de rozar o monte como labor preventivo dos incendios.

Cómpre lembrar que unha das medidas adoptadas este ano pola Xunta para evitar que os lumes cheguen ás casas foi fixar unha franxa mínima de 25 metros ao redor dos núcleos de poboación limpa de maleza. Ademais, as plantacións forestais terán que gardar unha distancia coas vivendas de 50 metros de seren estas especies de crecemento rápido, como é o caso dos eucaliptos.

Reciclaxe de plástico
Por outra banda, a empresa Tecnoambiente Galicia -participada nun 20% pola Consellaría de Economía, a través de Xesgalicia-, desenvolverá a partir da vindeira semana unha tecnoloxía pioneira no mundo. Trátase da reciclaxe de residuos plásticos para a creación de combustíbel diésel ecolóxico. A planta, instalada no polígono industrial de Cerceda, está equipada con máquinas de enxeñería australiana, aínda que a tecnoloxía é xaponesa.

Na actualidade existen outras cinco plantas no mundo similares á galega, todas en Xapón, mais co obxectivo de produciren electricidade e non diésel. Ademais, está prevista a construción doutra de maior capacidade ca de Cerdeda, en Irlanda.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: