Na sexta edición destes premios de música folc, a formación creada por Guadi Galego, Ugia Pedreira e o pianista Abe Rábade conseguiu o primeiro premio. A Nordestin@s séguenlle Berrogüetto, que o venres pasado recibiron o Premio da Crítica Alemá por segunda vez, e Milladoiro, que estará esta fin de semana no Auditorio de Galicia inaugurando o ciclo Sons da Diversidade coa presentación do seu novo disco, Unha estrela por guía.
Dous mil discos vendidos dende o Nadal (estivo entre os cen máis vendidos do Estado) e un enorme éxito de público nos seus concertos dan boa fe da calidade do espectáculo de Nordestin@s: as voces de Ugia Pedreira e Guadi Galego retoman as cancións tradicionais da costa do norte, salferidas coas notas do piano de Abe Rábade. Guadi xa gañara o segundo premio na anterior edición, xunto co guitarrista Guillermo Díaz. Membros os dous de Berrogüetto, no seu proxecto Espido amosan a súa cara máis intimista.
E precisamente Berrogüetto son os gañadores do segundo premio este ano. O grupo segue a celebrar o seu décimo aniversario cunha xira e a recoller éxitos co seu disco 10.0. Por último, o terceiro premio desta sexta edición do certame que convoca o xornal coruñés foi para Milladoiro, que este sábado presentan no Auditorio de Galicia no marco do festival Sons da Diversidade. Unha estrela por guía está inspirado na figura do poeta Manuel María, quen nos deixou hai dous anos.