Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O TERRORISTA ESTÁ ACUSADO DE "MENTIR" AO DEPARTAMENTO DE INMIGRACIÓN

Un tribunal estadounidense xulgará en maio a Posada Carriles por 'troleiro'

Luis Posada Carriles, acusado en Cuba e Venezuela polo atentado terrorista a un avión de pasaxeiros en 1976, será xulgado o vindeiro mes de maio nos EUA. Porén, non será este o crime que o leve perante os tribunais, senón os delitos de fraude e mentira a oficiais do departamento de inmigración do país norteamericano.

- 16:32 16/02/2007
Tags:

En 1976, un aeroplano da liña Cubana Aviación que viaxaba dende Caracas con destino a Cuba estourou no aire cando sobrevoaba as Illas Barbados. Morreron todos os seus ocupantes, en total 73 persoas. Luis Posada Carriles, que ademais posúe un largo historial coma mercenario ao servizo da CIA e de varios gobernos centroamericanos, está demandado tanto pola xustiza venezolana como pola cubana, acusado de organizar o dramático atentado terrorista.

Cómpre lembrar que Carriles admitiu este e outros actos terroristas na súa autobiografía e en varias entrevistas. Tampouco negou nin confirmou o seu papel nunha serie de bombas que estouparon en hoteis cubanos en 1997, unha delas provocou a morte dun turista italiano.

Detido nos Estados Unidos
Luis Posada Carriles está recluído nun centro de detención de inmigración en Texas, dende que en 2005 cruzase ilegalmente a fronteira dende México. Carriles chegou aos EUA despois de organizar o asasinato de Fidel Castro en Panamá, nunha xuntanza rexional no 2002. Malia que debería de ter sido deportado a Cuba ou a Venezuela (aínda que cubano, ten a nacionalidade venezolana), un xulgado estadounidense impediuno alegando que podería ser sometido a torturas.

Actualmente, está acusado de fraude e será xulgado o vindeiro mes de maio por mentir na súa solicitude da cidadanía estadounidense. Segundo as probas xudiciais, Posada Carriles entrou nos EUA por mar e non por terra como manifestara nun principio.

Tanto Venezuela como Cuba consideran que os delitos de inmigración ilegal son un pretexto legal para evitar que sexa xulgado por cargos de asasinato e terrorismo. Neste senso, ámbolos dous gobernos acusaron en numerosas ocasións aos EUA de darlle cobertura a un terrorista, en plena "guerra contra o terror" declarada pola Administración Bush.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: