O Consello da Xunta deu luz verde ao proxecto da empresa Stolt Sea Farm polo que desenvolverá a ampliación da súa planta de Carnota e construirá unha nova en Porto do Son. Esta medida traerá consigo un investimento de 75 millóns de euros e a creación de 182 postos de traballo, segundo informou o Executivo tras a xuntanza deste xoves. O seu presidente, Emilio Pérez Touriño, salientou que os informes da compañía prevén unha produción de 4.000 toneladas de peixe plano ao ano.
Coa aprobación dos dous proxectos como de "incidencia supramunicipal" cúmprese o primeiro trámite para a execución do proxecto. Será, a partir de agora, cando se inicie o seu desenvolvemento, e cada departamento da Administración emita os informes de viabilidade pertinentes.
Pérez Touriño destacou a importancia dos proxectos, que terán un investimento de 75 millóns de euros, e que, segundo os informes presentados por Stolt Sea Farm, prevén unha creación de 182 postos de traballo, que se suman aos 40 que xa xera a compañía na planta de Carnota. Neste sentido, Touriño subliñou as estimacións da produción, que "no caso de Carnota, serán de 1.700 toneladas de rodaballo e no de Porto do Son de 2.300 de linguado".
Parques empresariais e obras de saneamento
O presidente do Goberno puxo de manifesto a importancia dos acordos aprobados en relación a varios parques empresariais. Así, destacou o investimento que se vai realizar no das Gándaras, en Lugo, que contará cun orzamento de 75 millóns de euros, para un espazo de 2,2 millóns de metros cadrados; no de Baamonde-Begonte, con 20 millóns de euros, para unha superficie de máis dun millón de metros cadrados; e no de Landrove, en Viveiro, con 3,2 millóns para 130.000 metros cadrados. Ademais, autorizouse a aprobación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da área loxística e intermodal do Porto Seco de Monforte de Lemos.
Tamén, foron aprobadas dúas partidas económicas para obras de saneamento en Fisterra e Arzúa, concretamente, 1.366.923,21 euros para unha estación depuradora de augas residuais na primeira, e 2.999.670,49, para colectores xerais e a estación depuradora de augas residuais na segunda.
Enerxía solar e incentivación da investigación
Na xuntanza deste xoves, o Consello da Xunta tamén aprobou a concesión dunha subvención de 5,84 millóns de euros ao proxecto de enerxía da compañía T-Solar. Esta empresa, de fabricación de paneis solares fotovoltaicos, implantarase no Parque Tecnolóxico de Ourense e prevé a creación de preto de 200 postos de traballo.
Por último, sacouse adiante un convenio de colaboración específico entre o Ministerio de Educación e as Consellerías de Educación e de Industria, para o desenvolvemento do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora.