Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A NOVA PLANTA INSTALARASE EN OURENSE E DARÁ EMPREGO A 184 PERSOAS

T-Solar Global investirá máis de 75 millóns nunha fábrica de paneis solares

A instalación da empresa T-Solar Global, destinada á fabricación de paneis solares fotovoltaicos, suporá un investimento de entre 75 e 80 millóns de euros e a creación de 184 postos de traballo. Así o asegurou Marcial Portela, membro do grupo promotor do proxecto, en colaboración co Grupo Isolux-Corsán, tras a xuntanza que mantivo co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio. O titular do Goberno definiu a iniciativa "de carácter estratéxico" para Galiza e "pioneiro" no Estado e en Europa. O Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas, en Ourense, acollerá a nova planta.

- 18:24 14/02/2007
Tags:

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Pérez Touriño explicou que este xoves o Consello da Xunta aprobará a participación do Goberno nesta nova empresa. O Executivo achegará o 29% do seu capital social a través de Xesgalicia, co Fondo Emprende. Ademais, contará con outra participación por medio do Igape.

A empresa T-Solar Global contará cun investimento de entre 75 e 80 millóns de euros, segundo afirmou Marcial Portela, e entrará en servizo "en poucos meses", cara finais do 2008. "A partir do segundo semestre do ano que vén as células fotovoltaicas estarán xa no mercado", dixo.

Paneis solares máis rendíbeis
Portela explicou que na planta "desenvolverán unha tecnoloxía punta de fabricación de paneis solares fotovoltaicos", que solucionará "algún dos problemas que teñen as tecnoloxías de fabricación de paneis de silicio cristalino", posto que os paneis de T-Solar Global empregan menos cantidade de silicio para producir a mesma cantidade de enerxía; e porque se precisa menos enerxía no propio proceso para fabricalos.

Segundo remarcou na súa intervención, "se logramos avanzar con rapidez" nesta nova tecnoloxía, o proxecto presentado hoxe (polo martes) converterase na "primeira fábrica de tamaño industrial grande que empece a producir paneis de lámina delgada en Europa".

Posíbel fabrica de biodiésel
Por outra banda, o representante do grupo promotor do proxecto T-Solar Global anunciou a posibilidade de desenvolver, tamén en Galiza, unha importante planta de fabricación de biodiésel. Ao seu xuízo, de se levar a cabo "esta nova empresa galega podería estar dentro da lista das dez primeiras do país no espazo de tres ou catro anos". O proxecto requiriría investimentos "da orde de 300 millóns de euros", sinalou, malia que estarían repartidos entre a hipotética fábrica galega e outra, previsibelmente, na zona do Mediterráneo, matizou.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: