A Xunta achegará a todos os concellos de Galiza e as catro deputacións provinciais diverso material para contribuír ao fomento da normalización lingüística no eido da Administración local. As distintas entidades contarán con distintas ferramentas para o desenvolvemento do labor profesional do persoal que as atende. Segundo sinalaron fontes da Xunta, a actuación responde ao cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, texto aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza en setembro de 2004. Este pon de manifesto a necesidade de introducir o galego como lingua vehicular de traballo na Administración.
Os elementos remitidos a cada concello e a cada deputación son: dous exemplares da Lei 30/1992, comentada por letrados da Xunta, un exemplar do Dicionario Xerais de Sinónimos e Antónimos, dous exemplares da publicación Niveis de competencia en lingua galega, dous volumes da separata do sector "Administración" do Plan Xeral de Normalización e dous exemplares do tradutor automático ES-GL (español-galego), se ben os documentos transferidos deben ser revisados para asegurar unha completa precisión na súa tradución.
A Consellería de Presidencia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, responsábeis da iniciativa, consideran que estas ferramentas permitirán facer posíbel o respecto pola opción lingüística escollida pola cidadanía no momento de acceder á administración, e introducir a oferta positiva de atendela inicialmente en galego.