Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A "DÉBEDA ECOLÓXICA" DE PESCANOVA Á OUTRA BEIRA DO ATLÁNTICO (2)

PescaChile: Exemplo de precariedade e danos ao contorno das factorías acuícolas

"Presión" e "chantaxe" son expresións usadas polos ambientalistas chilenos para referírense ás prácticas de empresas como PescaChile, vencellada ao grupo Pescanova, para escapar ás esixencias sobre o respecto ao medio. Forman parte das críticas que recolle o estudo do Observatorio da Débeda na Globalización sobre a actividade desta empresa, e que xa lles avanzamos hai días. As denuncias inclúen o uso de manobras fiscais irregulares para aumentar os beneficios xa de por si elevados que o goberno estabeleceu para esta área. Tamén se sinalan as deficientes condicións laborais que lles impoñen aos traballadores.

- 08:00 11/02/2007
Tags:

O posíbel despedimento de trinta traballadores dunha factoría de PescaChile foi o argumento usado pola xerencia da empresa cando enfrontou o requirimento para o peche dun vertedoiro provisional usado pola fábrica. Ameaza cualificada de "chantaxe" polos ambientalistas, que se laiaban dos privilexios cos que esta empresa, ao igual que outras da zona, xa contaba á hora de verter lixo procedente da súa actividade ao contorno próximo.

Alén das agresivas prácticas que zoupan no medio natural próximo, o estudo tamén detalla outros factores sobre a irregular actividade destas factorías. Repara por exemplo nas bonificacións ás vendas realizadas ao resto do país e a exención total do IVE que gozan. Explican ao fío que entre as malas prácticas usadas para ampliar a marxe concedida pola lexislación vixente, están as vendas realizadas a empresas relacionadas con sede dentro de Chile pero fóra da zona beneficiada, "para que estas exporten o mesmo produto e soliciten tamén a devolución do IVE, que xa devolvera Facenda na primeira operación".

Cultura "antisindical" "Existe unha cultura antisindical, tratan de dificultar a sindicalización", relata para os autores do informe unha inspectora de traballo chilena. A funcionaria comenta que un dos problemas fundamentais é a chegada de traballadores doutros puntos do país, con promesa de condicións "moi diferentes" ao que logo se encontran. "Ademais traballan totalmente por produción, se non hai produto non lles pagan", explica. Destaca tamén a detección de traballadores sen contrato e a "complicidade entre traballador e empresario, porque saben que se os sorprendemos van perder o traballo". "Cando se vai fiscalizar a empresa... unha vez fixemos un operativo con sete inspectores e aínda así os traballadores arrincáronsenos", láiase.


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)