O pasado luns, seis membros do foro social Cangas non se vende, composto por varias asociacións veciñais, comunidades de montes, organizacións ecoloxistas e partidos políticos da vila do Morrazo, compareceron no xulgado imputados por "delitos de coacción". Con estes xa son vinteseis os denunciados polas manifestacións en contra das obras do porto deportivo no Salgueirón. Porén, e malia que a Lei de enxuizamento así o contempla, os procesos xudiciais "maiores" (violación dun ben público por parte da empresa Residencial Marina Atlántica, incumprimento de leis ambientais, etc.) están a ser adiados e, incluso, a piques de ser arquivados.
Na súa comparecencia no Xulgado de instrución número 2 de Cangas, os demandados piden "a suspensión de todos os procesos penais abertos" contra eles. Presentan como avais todas as denuncias presentadas pola plataforma contra o porto deportivo do Salgueirón, e que seguen a ser obviadas. Tiago Pérez, voceiro da asociación, sinala que "xa hai sentenzas firmes ao noso favor". "Estásenos a xulgar por impedir de forma pacífica, -recalca-, o paso das máquinas e dos camións ás obras".
Cangas non se vende nace coa intención de se mobilizar "contra as agresións urbanísticas irreversíbeis propostas polo goberno municipal" en Cangas. Concretamente, "contra a Vía Rápida e o seu impacto visual, ecolóxico e social; o proxecto de urbanización de Massó, por constituír un grave atentado ecolóxico e contra o patrimonio social, histórico e identitario da vila; e contra o proxecto de urbanización de Aldán, polo seu impacto social, ecolóxico e visual".
Dende o Foro Social advirten: "Estamos nunha das derradeiras encrucilladas sobre futuro de Cangas; é a nosa responsabilidade impedir por todos os nosos medios que sepulten con cemento a nosa identidade, a nosa historia e o noso patrimonio social, cultural e ecolóxico".