Máis da cuarta parte do total do orzamento do goberno estadounidense para o treito 2007-2008 irá destinado ao financiamento da actividade militar que fundamentalmente desenvolve en Iraq e Afganistán. Serán máis de 500 mil millóns de euros dos 2.2 billóns que proxecta gastar o executivo, segundo a previsión presentada por George W.Bush este luns. O plan implica recortes nos gastos sociais en todas as áreas.
Da sanidade á vivenda, pasando polo ensino ou o medio ambiente, Bush proxecta gastar menos cartos no ano fiscal 2008, que comeza o próximo 1 de outubro. Así o indica o plan presentado este luns, que amplía o orzamento público un 5%, até os 2.2 billóns de euros, e dos que 570 mil millóns de euros irían destinados ao financiamento da guerra en Iraq e no resto de gastos militares que sostén Estados Unidos.
"A miña fórmula para un orzamento equilibrado reflicte as prioridades do noso país neste momento da súa historia", explicou Bush, subliñando que esas prioridades son "protexer a patria e combater o terrorismo", engadindo tamén o "mantemento da fortaleza económica con baixos impostos". Paradoxalmente, prometeu eliminar o déficit fiscal dos EUA en 2012, pero na práctica o control do gasto restrínxese aos principais programas sociais do executivo. O plan está aínda pendente de recibir a beizón do Congreso. Os demócratas xa o acusaron de estar "desconectado da realidade".
Máis no Washington Post.