Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Criminalizar a política

En Bilbao no día de hoxe puidemos presenciar algo inaudito: a comparecencia en calidade de imputado dun presidente de comunidade autónoma; e non foi por ter prevaricado, nin por corrupción, nin por ningún outro delicto que desgraciadamente non sería tan extraño nun gobernante, senón a causa dunha denuncia por se ter entrevistado cunhas determinadas persoas, que tamén son políticos: é dicir, por exercer unha función básica para o funcionamento da Democracia: o diálogo político.

- 06:46 05/02/2007
Tags:

En Bilbao no día de hoxe puidemos presenciar algo inaudito: a comparecencia en calidade de imputado dun presidente de comunidade autónoma; e non foi por ter prevaricado, nin por corrupción, nin por ningún outro delicto que desgraciadamente non sería tan extraño nun gobernante, senón a causa dunha denuncia por se ter entrevistado cunhas determinadas persoas, que tamén son políticos: é dicir, por exercer unha función básica para o funcionamento da Democracia: o diálogo político.

"Como é posible este despropósito xurídico? Como pode ser delicto facer política?", estanse a preguntar agora mesmo milleiros de vascos e probablemente boa parte dos medios e da clase política de alén das nosas fronteiras. Pero non hai que buscar moi lonxe; a raíz deste despropósito está noutro previo e de maior alcance: a Lei de Partidos, unha lei que violando os principios que rexen a actividade lexislativa nas democracias parlamentares, foi feita ad hoc, contra un suxeito xurídico concreto, é dicir, foi unha lei feita a medida para sacar a Batasuna da legalidade. Merecería por tanto un nome máis sincero como por exemplo Lei Anti-Batasuna.

Despois de basearmos a loita política contra o terrorismo desde o final do franquismo no mantra de "En Democracia todas as ideas poden ser defendidas sen violencia", resulta que rematamos en troques de traendo ao brazo armado da idea ao rego legal, sacando ao brazo político fóra del. Isto... como se come? Como llelo temos que explicar aos votantes desa opción política? É así que a Lei de Partidos, como grave exemplo de incoherencia democrática (por non dicir tamén que medida de máis que dubidosa eficacia na loita contra ETA), había de ter repercusións a xeito de ondas de choque que se propagan ate o momento actual coa imputación do lehendakari por falar (a que lego en Dereito lle cabe na cabeza que falaren as persoas poida ser delicto?), e que antes disto pasou pola imputación da mesa do Parlamento Vasco, polo Pacto Contra o Terrorismo (outro que merecería un nome menos hipócrita como Pacto Contra o Nacionalismo) e atravesou un clima de Democracia enrarecida ate a arcada, salpicado de manipulacións mediáticas (conspiración do 11 de Marzo), manifestacións de víctimas contra o proceso de paz (por veces semellaba que só lles faltaba levar pancartas que dixeran "Queremos ser máis"), boicoteo da negociación por parte dun partido que el mesmo negociara anteriormente, utilización necrófaga das víctimas con fins electoralistas, o kafkiano proceso 18/98... e a última: menores acusados de terrorismo por esmagar as flores dun cadaleito.

Hoxe, nesta nova réplica do terremoto de incoherencia democrática que foi aquela lei, houbo quen aínda que criticando coa boca pequena a imputación do lehendakari, veu un reprochable exceso de victimismo e ate de caudillismo nos actos no seu apoio. Pois talvez, señores do PSOE, algo diso podía haber, sobre todo se temos en conta que Ibarretxe en realidade nin foi aínda condeado nin tan sequera sentado do banquiño de acusados nunha vista oral. Pero non sabemos a que ven este fariseo rachar de vestiduras, cando victimismo e caudillismo son dous ingredentes habituais do modus operandi da partidocracia da que o PSOE tamén forma parte, e dos que bota man cando lle convén, como calquera outro partido. Hoxe tocoulle ao lehendakari, onte foi a Patxi López (caramba, este resultou que si que podía reunirse con Batasuna! ...Outro misterio do famoso Estado de Dereito), antonte a Atutxa, Knörr e Bilbao... e seguirá pasando namentres estas agrupacións sementadoras de división que nacen como os fungos da materia en descomposición, chamadas Foro de Ermua, Manos Limpias, Dignidad & Justicia (por certo, digna... pero dos Monty Python foi a súa actuación hoxe diante do público reunido para apoiar a Ibarretxe)... dispoñan dunha lexislación espuria e aberrantemente antidemocrática como a Lei de Partidos. Ate cando se vai permitir que esta lei, como un corpo extraño dentro do corpus legal da Democracia, sega a extender a súa infección, a corromper os basamentos do sistema, a sementar desconfianza na xustiza e na suposta liberdade política que nos dixeron naceu no ano 1978? Os que enchen a boca todos os días co Estado de Dereito deberían pararse a pensar onde está o Dereito en certos ámbitos deste Estado, onde está a liberdade cando se criminalizan opcións políticas, qué política é esta na que non se pode dialogar... Ou iso, ou senón irmos ate o final do delirante apartheid político que eles mesmos puxeron en marcha e preguntarnos se non habería quizáis que reler a Lei de Partidos e solicitar tamén a ilegalización do PP por se negar a condear a dictadura franquista.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: