Pagar os impostos por internet con tarxeta ou reducir as listas de espera nos hospitais mediante consultas en liña. Estes son algún dos proxectos prioritarios para a administración electrónica da Xunta, iniciativas presentadas por representantes das consellerías de Industria, Sanidade, Economía e Presidencia nunha xornada celebrada esta mañá en Santiago. Fomentar o uso do software libre "tanto nos servidores como nos computadores dos funcionarios" é outra das medidas adiantadas para sacar a Galiza da "cola do estado que está a cola da Unión Europea no uso das TIC" .
O representante da Consellería de Presidencia na xornada, Jaime Barros, defendeu que "os estándares abertos son a base da sociedade do coñecemento". Iso si, este relator matizou que a introdución de ferramentas libres non se pode facer pola vía da "imposición". Ademais, Barros advertiu a nova LAECAP, a lei que controlará a e-administración no Estado, "pode convertese nunha ameaza pola falta de infraestruturas e formación" no país.
Ter unha poboación máis vella non é escusa
Barros recoñeceu que factores como o avellentamento da poboación fan que "Galicia estea a cola do estado que está a cola da Unión Europea no uso das TIC". O asesor da Consellería de Industria, Antonio Pérez Casas, matizou que o avellentamento non se pode converter nunha "escusa" para non tomar medidas, aínda que o uso das TIC polos mozos galegos é parecido ao do resto de Europa.
"Non hai diferencia no uso de internet que fai un universitario galego e un alemán", indicou Pérez Casas, quen insistiu na necesidade de que a administración lance servizos e contidos que atraian aos cidadáns ao ciberespazo. Esta é, precisamente, unha das liñas do PEGSI, o documento que guía a política da Xunta en novas tecnoloxías.
Máis rede contra as listas de espera
O éxito do servizo de cita previa en liña é, en opinión dos relatores, un exemplo de que cando hai servizos útiles os galegos empréganos con frecuencia. Na actualidade, un 2,5% das citas do SERGAS citas danse por internet, segundo aportou Jorge Pardo, da Consellería de Sanidade. Pardo adiantou que Sanidade traballa en novas ferramentas de diagnóstico a distancia, mediante imaxes clínicas dixitais, que poden ser útiles para reducir as listas de espera. Este departamento tamén prevé eliminar parte dos trámites burocráticos dos seus máis de 35.000 empregados.
Dende a Consellería de Economía, Gonzalo Gómez, destacou a popularidade do pago en liña dos impostos da Xunta. O ano pasado, a Oficina Virtual deste departamento tramitou máis de 330.000 solicitudes. Unha cifra importante, tendo en conta que hai tres anos que se lanzou esta Oficina.
A Xunta planea que se poidan empregar tarxetas na Oficina Virtual de Economía para abonar os impostos autonómicos, que xa se poden pagar por internet mediante transferencia bancaria. Iso si, cómpre ter unha certificación dixital e os novos DNI's electrónicos aínda non se poden empregar nesta aplicación.