Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
NOS DÍAS PREVIOS AO REFERENDO, A BBC INFORMA DO ESTADO DA CUESTIÓN

A lexislación portuguesa actual sobre o aborto é similar á española

O aborto é libre en case toda Europa. Atopámolo restrinxido a diversos supostos en varios países: os máis permisivos, Finlandia e o Reino Unido, permiten alegar razóns sociais ou económicas para abortar; despois, co suposto da defensa da saúde mental ou física da nai, figuran España, Portugal, Polonia e Chipre: a seguir, Irlanda só permite o aborto cando existe risco mortal; e Malta prohíbeo directamente. Son datos que ofrece a BBC sobre a regulación do aborto en Europa, e que nos revelan que a situación legal non é tan diferente dunha beira ou doutra do Miño. Nestes días, varios colectivos galegos convocan unha marcha para o 1 de febreiro sobre o consulado portugués en Vigo, en apoio ao "sim" no referendo de despenalización do aborto que se ha celebrar o día 11.

- 16:12 30/01/2007
Tags:

Case todos os países fixan nas doce semanas de xestación o límite para practicar un aborto, agás Eslovenia, que reduce este prazo a dez. En Holanda poden ser trece, en Romanía, catorce, e en Suecia, dezaoito. Neste último país afirman teren erradicado o aborto ilegal. En Dinamarca poden ser catro meses de gravidez, en Finlandia e no Reino Unido, seis. En Chipre, mentres restrinxen moito máis os ámbitos nos que é lícito abortar, permiten, pola contra, que esta práctica se estenda até as 28 semanas (sete meses de embarazo). Do mesmo xeito, Irlanda, o máis restritivo dos países que permite o aborto nalgún caso (só cando hai risco mortal para a nai, incluíndo risco de suicidio), non pon límites ao tempo.

En Portugal, o límite para interromper o embarazo está fixado nos catro meses de gravidez, mentres que en España, a lei pon como límite as 22 semanas (cinco meses e medio). Como en Portugal, o aborto permítese cando o embarazo carrexa riscos para a saúde física ou mental da nai, ou cando é froito dunha violación (nese caso debe ser denunciada). Nestes casos é posíbel abortar até os tres meses. Se se trata de problemas fetais, confirmados por dous especialistas, a práctica pode ser realizada até as 22 semanas. Mentres tanto, Portugal estende a catro meses o prazo para os casos de crime sexual e a seis para os de sufrimento fetal. tamén se precisa, neste caso, o visto e prace doutro doutor ademais do que vaia facer a intervención. As mulleres menores de dezaseis anos precisan o consentimento dos seus maridos ou pais para abortar.
O informe fala tamén sobre as penalizacións: en Chipre, unha muller que aborte fóra dos estritos parámetros legais, ou a persoa que efectúe a operación, poden ser condenados a sete anos de prisión. En Malta, onde o aborto está terminantemente prohibido en todas as circunstancias, pode carrexar de dezaoito meses a catro anos de cárcere, tanto para a muller que o decide facer como para a persoa que o practique. O persoal médico que realice un aborto é apartado da profesión. Acerca de Portugal, non fala das penas, pero si fai referencia ao referendo e á cantidade de abortos que se producen á marxa da legalidade: 10.000 mulleres cada ano precisan asistencia médica despois dunha destas intervencións.

En resumo, non hai tanta distancia entre o grao de penalización en Portugal e o que acontece no Estado Español. Os supostos nos que a lei permite abortar son os mesmos. A diferenza é o tempo de reclusión: en Portugal, quen faga a unha muller abortar co seu consentimento pode ser condenado a unha pena de prisión de até tres anos. A mesma pena pode recaer sobre a muller que aborta. Aquí, o artigo 145 do Código Penal impón unha pena de un a tres anos e inhabilitación especial para exercer calquera profesión sanitaria de un a seis, para a persoa que practique o aborto fóra da lei. A muller que o permita pode ser penalizada coa prisión de seis meses a un ano ou multa de seis a vintecatro meses Ambas as dúas leis estabelecen penas semellantes aos abortos causados sen consentimento da muller ou por neglixencia.

Vésperas do referendo
Entre tanto, o Diário de Notícias amosa os resultados dunha sondaxe de Marktest na que baixa con respecto ao outono o apoio ao "sim": estaría en torno a un 54%. Agárdase, con todo, maior participación ca no do 98. O presidente socialista da República, António Costa, defende o "sim" pola necesidade de unir Portugal ao "consenso internacional". O presidente afirma que só cinco países teñen leis máis restritivas ca Portugal: Irlanda, Polonia, Liechtenstein, Chipre e Malta. Afirmou tamén que un 19 % das defuncións maternas ocorren durante abortos clandestinos. Mais tampouco avanzou como sería a nova lexislación en caso de resultar vencedor o "sim".


5/5 (1 votos)