O atleta compostelán Pedro Nimo acadou este domingo en Lugo, e por segundo ano consecutivo, o título de campión galego na modalidade de cross. Malia estar aínda en pleno proceso de recuperación da malaria que contraeu en Angola, o corredor superou cun tempo de 33'48'' a Xesús de la Fuente e Robertas Geralavicius, segundo e terceiro respectivamente (34'24'' e 35'13''). Na categoría feminina a gañadora foi María Abel, que partía como favorita e que xa conseguira o título hai nove anos. Abel parou o crono no 28'48'' e compartiu podio con María Xesús Gestido (29'09'') e Margarita Pérez (30'01'').