O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) denuncia a "evidente discriminación" que está a sufrir o país na reforma de Radio Televisión Española (RTVE). A raíz do Expediente de Regulación de Emprego (ERE), a programación de Radio Nacional en galego reduciuse un terzo. Polo contrario Catalunya, coa mobilización dos partidos políticos, logrou manter Radio 4, que emite 24 horas en catalán. Agora o ente filtra unha nova lista pola que dezasete traballadores galegos que salvaran o ERE poderían perder o seu emprego. Ante esta situación, o Sindicato pide a mobilización dos partidos galegos.
O SXG denuncia que unha nova redución do cadro de persoal sería "ilegal", pois o ERE indicaba que os asalariados que non se prexubilasen pasarían a formar parte da nova Corporación. Na lista filtrada os dezasete traballadores aparecen como "excedentes a liquidar".
Cataluña parou o peche de Radio 4
O Sindicato interpreta estes posíbeis despedimentos como unha nova ameaza contra a programación en galego, que xa sufriu unha "grave redución". E é que Radio 5 eliminou unha ducia de boletíns informativos na lingua do país. Polo contrario, Catalunya mantén Radio 4 emitindo todo o día en catalán.
A mobilización nas rúas e no Parlament logrou evitar o peche desta emisora, tal e como era a intención de RTVE. Ante este exemplo, o SXG "reclama aos Gobernos estatal e galego que eviten un maior desmantelamento de TVE e RNE en Galicia".
O ente tamén reduciu as emisións en galego na televisión estatal. Na actualidade, unicamente se bota un telexornal de media hora ao día. Antes do ERE, a Mesa pola Normalización Linguística xa denunciara a discriminación do galego en RNE e pedira a reapertura de Radio 4 en Galicia, que pechou en 1992 no país mentres se mantiña en Cataluña.