Dende ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) queremos manifestar o seguinte:
1.- Valoramos positivamente que a actual consellería de Medio Ambiente, a diferenza da consellería anterior, faga seguimento e dea información sucinta pero rigorosa sobre a situación do lobo, para non considerar o tema como un tabú e para que a sociedade en xeral poida avaliar as consecuencias de conservar esta emblemática especie.
2.- Os datos prolongados no tempo irán dando información sobre a evolución da especie na nosa xeografía e daquela poderemos sacar conclusións, sobre unha base científica, acerca da metodoloxía máis acaída para a súa xestión.
3.- Polas cifras que neste momento da a coñecer a Consellería respecto das indemnizacións efectuadas a afectados por ataques de lobos entendemos que son perfectamente asumíbeis pola nosa sociedade, o cal non é óbice para que se implementen as medidas máis adecuadas que tendan a prever e rebaixar o número de ataques ao gando doméstico.
4.- Consideramos que é a Administración a que ten que ter na súa man a xestión e control da especie, e que en ningún momento han de ser os cazadores ou particulares quen deban de tomar medidas pola súa conta. Non é admisible que a Administración, por problemas internos, non axilice as indemnizacións aos gandeiros afectados e de forma xenerosa faga os pagos oportunos e ao seu debido tempo, xa que de ningunha maneira teñen que ser os gandeiros os que asuman as afeccións que o lobo pode causar. Tampouco debemos permitir que, periódicamente, tal como aparece estos días na prensa, algún cazador-matarife-gandeiro diga sen ningún pudor que matará a calquera lobo que se lle poña por diante, posto que este feito incorre nunha ilegalidade flagrante, penada por lei e moralmente inaceitábel, xa que está eliminando algo que nos pertence a todos.
5.- Consideramos urxente que por parte da Administración se fagan as campañas oportunas para concienciar á poboación da conservación dunha especie tan representativa do noso patrimonio natural, que se poña en valor a cultura do lobo desde unha posición claramente sustentábel e que se tomen as medidas oportunas de vixianza que eviten casos de caza furtiva como os que se produciron no concello de Muxía, concretamente nas parroquias de Sta. Maria de O e Leis e do lugar de Sendón. Nestes lugares, uns cantos veciños mataron no último trimestre do ano pasado seis exemplares de lobo ibérico con prácticas de furtivismo salvaxes por agónicas, mediante a colocación de lazos con cebo. Estes feitos foron notificados no seu momento ao SEPRONA e máis á Consellería de Medio Ambiente para que se tomaran as medidas oportunas, en orde a que sucesos semellantes non se volvan repetir, xa que logo rematada a tempada de caza e sen cazadores nos montes, os furtivos poden actuar con maior impunidade.
6.- Consideramos tamén necesario que a Consellería atenda as demandas de prácticamente todas as organizacións conservacionistas que xa teñen manifestado a súa total oposición a que esta especie sexa considerada como cinexética. Dende ADEGA renovamos o nosa posición inequívoca de que introducir a caza do lobo en Galiza sería un craso erro. Por iso, non regatearemos esforzos para opornos á súa caza, por ser unha práctica importada de fóra, claramente clasista e anticonservacionista, en contra da que estamos dispostos a utilizar todas as vías posibles, incluída a xudicial.