A candidata socialista á Presidencia de Francia, Ségolène Royal, quixo matizar as súas propias palabras, pronunciadas o pasado luns tras unha reunión co líder nacionalista quebequés André Boisclair, nas que daba a entender que apoiaba a independencia de Quebec, zona francófona de Canadá. Royal declarara perante a prensa que sentía empatía polo proceso de "soberanía e liberdade" de Quebec. Mais na xornada do martes, matizou que o que quixera dicir era que "a xente que vota é soberana e libre". A rectificación vén provocada tralas numerosas críticas recibidas dende diversos sectores da política, en Francia e en Canadá, e polas manifestacións do primeiro ministro canadense, Stephen Harper: "A experiencia apréndenos que é moi inapropiado para un líder estranxeiro interferir nos asuntos democráticos doutro país".
Cómpre lembrar que esta non é a primeira vez que a candidata a presidir a República francesa é criticada polos seus detractores tras unhas declaracións fóra de todo rigor diplomático. En decembro, nunha visita ao Líbano, foi acusada de indulxencia cun dirixente de Hezbollah, que comparou a ocupación israelí deste país coa dos nazis en Francia. Tamén, en Beijing, dixo que a xustiza francesa podería aprender leccións de China, país acusado en numerosas ocasións de abusos aos dereitos humanos.