Parecía ciencia-ficción pero xa está nos bares de Galiza. Os revolucionarios e polémicos microchips RFID entraron no país a través das billas de Estrella Galicia. A empresa cervexeira instalou milleiros destes diminutos trebellos para controlar o rendemento dos seus tiradores. A compañía pode saber así, por exemplo, canto tempo tarda un instalador en colocar unha nova billa. Esta eficaz tecnoloxía é tamén centro dunha gran polémica internacional. E é que o seu mal uso abre as portas para controlar os movementos das persoas e de todo o que compramos. Iso si, a ferramenta de Estrella é respetuosa coa privacidade dos donos dos bares e clientes.
Os chips de radiofrecuencia poden verse como unha mestura de código de barras e teléfono móbil. O trebello emite unha sinal radioeléctrica que, cun lector, permite identificar a distancia cada un dos obxectos.
Control do tempo no que se fai cada reparación
Así, os instaladores de Estrella Galicia poden, a través dun sistema de telecomunicacións, enviar á central a "identidade" da billa que están reparar. A empresa tamén pode medir ao segundo canto tempo adica o asalariado a esta labor.
Un dos problemas do RFID é que calquera pode ler a distancia a "identidade" do produto. De triunfar esta tecnoloxía como substituto dos códigos de barras, moitos bens á venda contarán cun chip emisor. Daquela, calquera podería saber, por exemplo, que libros temos na casa e cando e onde os compramos. Abondaría con que apuntase un aparato receptor ás paredes dos nosos fogares.
Patente para seguir as persoas
Este pesimista escenario é tecnicamente posible de seguir evolucionando os chips RFID, que por agora teñen un alcance limitado. Pero IBM xa patentou nos Estados Unidos unha aplicación para a "Identificación e seguimento de persoas usando ítems con RFID". Mesmo se especulou que o Porto de Bilbao os quere implantar para controlar os movementos dos seus operarios. Londres acolle este mes unha conferencia na que xigantes da distribución como Tesco ou Wall-mart presentarán os últimos avances.
Tamén na moda galega
En Galiza, a Asociación Téxtil de Galiza lanzou proxecto de máis dun millón de euros para aplicalos chips na roupa. Sen embargo, a iniciativa está, polo de agora, en fase "redifinición". A falta dun marco legal claro é unha das barreiras cos que se atopou a ATEXGA.
Dende Estrella Galicia argumentan que o seu sistema RFID non prexudica a privacidade dos donos dos bares, malia que non os informa do seu uso. A empresa defende que o que consegue actualmente lendo RFID é o mesmo que lograría anotando os números de rexistro das billas, pero dun xeito máis eficaz e rápido. Por iso planea estender "a curto ou medio prazo" o uso dos chips aos seus barrís de cervexa.