Unha nova edición do Foro Social Mundial deu comezo este sábado en Nairobi, Kenia. Serán preto de 80.000 as persoas que participen nun evento que analizará a "historia da loita africana contra a dominación estranxeira, o colonialismo e o neocolonialismo". Os organizadores tentarán deste xeito axudar os movementos sociais a alzarse contra os gobernos que perpetúan a pobreza e a corrupción no continente. As actividades comezaron cunha marcha pola barriada de Kibera, unha das zonas máis desfavorecidas da capital do país. Agárdase con expectación a aparición da premio Nobel da Paz pola súa contribución ao desenvolvemento sustentábel, a kenyana Wangari Maathai. Outra das actividades principais do FSM será a celebración dun festival para os nenos de Nairobi, moitos deles orfos por mor da sida e outras enfermidades.