Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ÉXITO DAS ENCICLOPEDIAS LIBRES

Seis anos de Wikipedia e case catro de Galipedia

Esta semana cúmprense seis anos da orixe da Wikipedia, un proxecto que estimulou profundamente o intercambio de coñecemento a través das novas tecnoloxías. Máis recente no camiño é a Galipedia, que fará o terceiro aniversario o próximo marzo. Ao fío, aproveitamos para falar con Miguel Bugallo, profesor de galego e ao tempo un dos máis activos colaboradores da enciclopedia libre galega.

- 10:25 17/01/2007
Tags:

Pouco máis dunha ducia de usuarios suman máis da metade de todos os artigos realizados para a Galipedia. E porén, a iniciativa acelera o seu crecemento nos últimos tempos, cun total de 1.719 usuarios rexistrados. Trece deles contan na actualidade con categoría de "administradores", e xa que logo funcións de control máis amplas sobre o proxecto.

En total, no momento de escribirmos estas liñas son xa 21.253 artigos os incluídos na base de datos da Galipedia. A maiores, as estatísticas indican que os colaboradores fixeron até 285.728 tarefas de edición, o que implica unha media de sete revisións por cada unha das páxinas incluídas.

Cóntanos Miguel Bugallo que moitos usuarios entran en contacto coa iniciativa, como el mesmo, "por casualidade", á hora de buscaren información pola rede e no seu caso "vendo unha entrada que podía corrixir e ampliar". Na súa opinión, a Galipedia está aínda "moi ao comezo do seu camiño", pero a calidade e o rigor do traballo xa feito anima a continuar a tarefa e convirte "en referencia" á enciclopedia libre.

Segundo relata, o nivel de conflito é moi baixo até o de agora, sendo doado chegar a consensos entre a comunidade. "É se cadra unha realidade estraña e excepcional" no ámbito das wikipedias, onde a miúdo abrollan importantes diferencias, caso da Wikipedia en español ao fío das entradas "Galicia" e "Galiza" ou co topónimo "A Coruña".

Ferramenta educativa
As oportunidades para o uso da Wikipedia no contorno das escolas son moi grandes. Así o explica para Vieiros o profesor de galego Miguel Bugallo, que en varias ocasións botou man do proxecto nas aulas. Na súa opinión é unha oportunidade non só para achegar aos alumnos ás novas tecnoloxías, senón tamén para facilitar o acceso dos rapaces aos coñecementos dun xeito máis atractivo.

Investigando, consultado, contrastando e mesmo incorporando información ao proxecto e compartindo entre eles os coñecementos, cóntanos Bugallo do uso en aulas de lingua e literatura, filosofía e outras áreas e destaca a importancia como ferramenta para que os alumnos asimilen máis facilmente os conceptos.


Ligazóns

5/5 (1 votos)