Este mércores 15 de xaneiro ás dez, o Cineclube proxecta o filme documental Raymundo, realizado na Arxentina en 2002 por Ernesto Ardito e Virna Molina. A longametraxe está dedicada á figura de Raymundo Gleyzer, cineasta arxentino, realizador de filmes revolucionarios na clandestinidade durante a ditadura de Videla, e militante do partido marxista PRT-ERP, que foi asasinado en 1976 pola Triple A (Alianza Anticomunista Arxentina). Sobre Gleyzer afirman os realizadores do documental: "En vida, Gleyzer foi un dos principais referentes do cinema combativo e militante, e logo da súa "desaparición" quedou no máis escuro dos esquecementos para a sociedade. Este documental busca devolver o que a CIA e as ditaduras latinoamericanas non puideron destruír: a memoria, os ideais e o valor da verdade".
"Non facemos filmes para morrer, senón para vivir, para vivir mellor. Se nos vai a vida nelo, virán outros que continuarán". Son palabras de Raymundo Gleyzer dous anos antes de morrer asasinado pola ditadura de Videla. Convencido do valor do cinema como arma de contrainformación, a súa cámara levaba testemuñando a situación dos máis desfavorecidos en América Latina dende 1963. Dez anos despois creou o "Cinema da base", no que o propio pobo (obreiros, labregos, indíxenas, desposuídos) empregaba esta ferramenta para contar a súa propia historia.
Gravou documentais como A terra queima (1964), que xa puidemos ver o ano pasado no Cineclube: unha familia nordestina do Brasil ten de desprazarse para buscar auga. Pictografías do outeiro colorado, Ceramiqueiros de tras a serra, o informe clandestino do Exército Revolucionario do Pobo, Switf, 1971 e B.N.D., un ano máis tarde, Nin olvido nin perdón ou Mátanme se non traballo e se traballo, mátanme, sobre a folga obreira na fábrica INSUD, ademais de filmes de ficción como Os traidores (1972) ou O ciclo. Relacionouse fondamente co cineasta arxentino Fernando Birri (poderemos ver Tire Dié en breve, no Cineclube).
Cineastas dando voz a cineastas que deron voz ao pobo
Continúa deste xeito o ciclo "Cinema e memoria" co que o cineclube abre o curso: comezou con CCCV, de Ramiro Ledo Cordeiro, no que este director recuperaba o material filmado por Carlos Varela Veiga durante os anos 70 en Galiza. Do mesmo xeito, Ernesto Ardito e Virna Molina traballan recompoñendo, neste filme, a historia do cineasta con material de arquivo. Segundo Ardito, "no 97 empezamos coa idea de facer un documental sobre Raymundo Gleyzer, porque fumos descubrindo os seus filmes e decatámonos da súa ausencia en todo o que é a nosa xeración. Cando rematamos a escola de cinema (IDAC) sentimos como se non tivésemos feito nada, porque non aprenderamos o principal: non como facer cinema, senón que contar, e sobre todo dentro do contexto latinoaméricano e arxentino; a partir disto decidimos facer un filme sobre Raymundo, para que, en primeiro lugar, a xente poida redescubrilo".