O Foro Cívico Galego de Barcelona presentará o 18 e o 19 de xaneiro en Compostela e na Coruña a súa revista reNOVA GALIza, dedicada ao pensamento cívico, estudos culturais e solidariedade galega. A publicación inclúe, co seu segundo número, o monográfico de 208 páxinas A Galiza Global: as galegas e os galegos no mundo (I), no que colaboraron máis de cincuenta persoas, once entidades socioculturais de todo o mundo e tres representantes da administración autonómica para reflexionar sobre o papel da diáspora na construción do país do século XXI. Aínda que na revista predomina a lingua galega, tamén se inclúen algúns artigos escritos en catalán. O traballo aspira a se converter na revista cultural de referencia entre as que se editan na Galiza exterior.
A presentación da revista será o xoves 18 ás sete da tarde na Fundación Museo Eugenio Granell de Compostela, e nela estarán o director e o subdirector da revista, Camilo Valdehorras e Suso Mon, e representantes da Xunta de Galicia. O día seguinte, á mesma hora, estarán na Coruña, na Fundación Luís Seoane. Despois da presentación da publicación, haberá cadansúa mesa redonda: en Santiago, sobre A Galiza global no século XXI: desafíos da diáspora para a Galiza territorial, e na Coruña, sobre Retos da integración na Galiza actual da cidadanía global galega. Máis información en Vieiros Barcelona.