Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
SEGUNDO O TRABALLO DOS CIENTÍFICOS DUNHA UNIVERSIDADE ESTADOUNIDENSE

Descobren que o líquido amniótico pode ser fonte de células tronco

Científicos estadounidenses descubriron que o líquido amniótico pode ser unha nova fonte de células nai, que se poden empregar para reparar órganos humanos danados. Os investigadores obtiveron células do líquido que rodea o feto durante o embarazo e conseguiron facelas medrar nun laboratorio. Até agora, as células tronco só se podían obter extraéndoas de embrións humanos. No artigo, publicado en Nature Biotechnology, os científicos din que é posíbel estimular a capacidade desas células para se transformaren en diferentes tecidos co fin de tratar doenzas.

- 11:06 08/01/2007
Tags:

Investigadores da facultade de Medicina da Universidade de Wake Forest, en Carolina do Norte, tomaron células procedentes do líquido amniótico extraído de probas feitas durante o embarazo, e fixéronas medrar no laboratorio. Descubriron que tiñan o potencial de se converteren nunha ampla variedade de células diferentes, o que pode ser o primeiro paso para consideralas células tronco potencialmente útiles. Segundo o resultado das probas realizadas en ratos, estas células estaminais deron lugar a novo tecido óseo e tamén conseguiron producir substancias químicas vitais no fígado e no cerebro.

A conclusión dos científicos é que as células amnióticas son pluripotenciais e poden ser de aplicación para o tratamento de persoas que non teñen doadores compatíbeis, maiormente fillos de mulleres das que se tomaron as mostras. Hai moito interese en atopar unha fonte de células nai que non obrigue a destruír embrións, polas consecuencias éticas que isto supón. Outra das vías que se están a estudar son as células procedentes do cordón umbilical.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: