As emprendedoras galegas xa contan coa Guía Interactiva de Emprendemento para Mulleres, unha ferramenta posta en marcha polo Servizo Galego de Igualdade (SGI) para axudar na creación de proxectos empresariais. A guía está dispoñíbel na páxina web do departamento e, segundo a directora xeral do SGI, Ana Luísa Bouza, ten o obxectivo de xerar riqueza para o país fomentando a participación feminina na economía, ao tempo que normaliza o uso das novas tecnoloxías. O feito de ser unha guía electrónica fará posíbel a súa actualización constante. Asemade, atenderanse consultas prácticas por correo electrónico.
Na guía para mulleres emprendedoras inclúense esquemas e consellos para facer plans de empresa e detállanse as características das diferentes fórmulas xurídicas, ademais dos trámites de constitución dun novo negocio, os impostos aos que haberá que facer fronte e as subvencións ás que se pode acceder. O documento inclúe, ademais, enderezos e teléfonos de interese aos que as emprendedoras poden acudir para faceren consultas. A guía é froito do proxecto europeo Equal Calíope de fomento da igualdade de oportunidades.
Con esta nova ferramenta, o servizo dependente da Vicepresidencia da Xunta pretende que aumente a porcentaxe de mulleres autónomas no país, actualmente o 36,57% das persoas afiliadas a ese réxime especial. Malia isto, Galiza atópase por riba da media estatal en emprendemento feminino, que é só do 31,8%.