Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
BALANCE DO 2006. CINEMA

Un ano de cinema galego con Martin Pawley e Ramiro Ledo

Martin Pawley é crítico de cinema no programa da Radio Galega Extrarradio, na revista Sono-Tone e no seu blog Dias Estranhos. E Ramiro Ledo Cordeiro fundou o Cineclube de Compostela hai case seis anos, dirixiu, durante a súa publicación, a revista Ariel, e o ano pasado presentou ademais a longametraxe documental CCCV. Cineclube Carlos Varela. Tamén colabora coa Revista Sono-Tone como crítico de cinema. Ramiro Ledo contounos as súas impresións sobre o cinema en Galiza ao longo deste 2006 que remata. Os dous coinciden en que queda moito por facer para termos un cinema de noso.

- 17:52 02/01/2007
Tags:

Vieiros: Como valorades o 2006, tanto a nivel persoal como para o voso eido artístico? (neste caso, o cinema)

  • Ramiro: Este ano foi, coido, o do terror do lume e o da instalación da oposición parlamentaria nos cómaros da dereita máis ruín (valla a redundancia).
    No cinema, o máis senlleiro fica, como decote, arredado da distribución convencional. Ben que iremos deitando das redes sociais... Comezouse a ver Terra Negra, de Ricardo Íscar, e Alberte Pagán presentou o seu último filme, Bs. As., no Festival de Xixón... O problema é o de sempre; de pouco vale facer se logo non hai xeito de llo achegar á xente.
  • Pawley: Este ano foi coma os anteriores. Na práctica, o sector cinematográfico galego non existe. Triunfalismo. Hai títulos que acadaron algunha sona pero, ata que punto se poden considerar galegos títulos que teñen unha participación minúscula de Galiza? Realmente, esas producións, salvo A casa da miña avoa, dun director alacantino que tivo certa repercusión en todo o mundo, non sobrepasan fronteiras. O cine galego está dentro do español, sen sinal de identidade. É cine para autoconsumo. Como Un franco, 14 pesetas hai unha ducia en cada país.

Cales foron os puntos fortes? E os febles?
  • Ramiro: Cómpre salientar as novas iniciativas que se andan a desenvolver pola internet (a regueifa, sono-tone, emepegués) e a toma crecente de conciencia para se lle arrepoñer á SGAE.
    E logo non é para que creen o premio Chano Piñeiro e llo dean a dous realizadores de filmes en castelán (José Luis Cuerda e Alejandro Amenábar), cando a afouteza do traballo de Piñeiro andou na súa teima por facer cinema en galego: "facer cinema en Galiza é posíbel. Facer cinema en galego é necesario".
  • Pawley: Hai carencia de vontade de facer un cine distinto: temos que partir de que somos un país pequeno e non podemos pretender facer un Braveheart irmandiño. É máis asumíbel facer cine como o de Kiarostami, apostar pola calidade e que se poida exportar a todo o mundo. Isto non significa facer cine minoritario, porque por exemplo Kim Ki-Duk chega a estrear os seus filmes en todos os países. E tamén hai que abaratar a produción. Os medios técnicos actuais permiten facer unha película por menos dun millón de euros. Houbo propostas españolas moi interesantes que se fixeron por 200.000 euros. Nun país de dous millóns de habitantes nos que só imos ao cine un 2% non podemos facer un Lawrence de Arabia. Non hai por que buscar referencia en Madrid: España a nivel internacional é moi escasiña. Hai que buscar referentes internacionais.

Notastes algún cambio na política cultural con respecto a este campo?
  • Ramiro: En Galiza non hai xeito ningún de se formar vendo filmes agás na cidade da Coruña. É urxente estender de maneira estábel a actividade do CGAI ao resto de cidades galegas (polo menos).
  • Pawley: No reparto de subvencións non houbo moitos cambios. Pode que haxa vontade de que as cousas cambien. Pero hai cousas que están moi atadas, polos intereses das produtoras. O maior cambio foi para peor: a bicefalia, que provoca que haxa dúas axencias, dúas páxinas web... Todo por duplicado. Paréceme unha perda de esforzos absurda.

Cales foron os "grandes momentos" do 2006 no cinema galego?


  • Ramiro: A proxección de España (Esfir Shub, URSS, 1939), no que aparecen imaxes inéditas filmadas por Carlos Velo; o Doclisboa 2006, a estrea do último filme de Aki Kaurismäki, As luces do solpor, ou a edición en dvd de filmes de Johan van der Keuken, poñamos por caso.
  • Pawley: O único destacábel é o feito de que houbo algunha achega, como De bares, un filme independente, pequeno, ou o feito por Xudas Diz (Por min e polos meus compañeiros). Iso demostra que é unha liña pola que hai que seguir. Outro exemplo foi De profundis, que, a pesar de ser pobre tecnicamente foi ousada e inusual. Foi un xeito de facer animación distinta, ou mais ben non-animación. Non se pode pretender facer un Shrek de andar por casa, cómpre tirar cara producións máis modestas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: