Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
ADVIRTEN DOS PERIGOS E RISCOS PERSOAIS E AMBIENTAIS EN PONTEVEDRA

Asociación pola Defensa da Ría reclama un expediente contra Ence polos ruídos

A APDR rexistrou no Concello de Pontevedra a solicitude de apertura dun expediente contra o complexo ENCE-ELNOSA pola situación de permanente perigo á que se ve exposta a poboación da bisbarra polo mal funcionamento das súas instalacións en Lourizán. A solicitude vén motivada pola alarma social suscitada a noite do 29 ao 30 de novembro, na que se puideron escoitar "fortes ruídos" por períodos de 5-10 minutos, segundo as declaracións dalgunha das persoas que se puxeron en contacto coa APDR logo de avisar a Policía local ou Protección Civil. Segundo o dicir das fontes, o ruído semellaba o "ruxir dun avión voando a ras do chan" e procedía da Ría cara á cidade. A Policía local estivo en Lourizán e admitiu a responsabilidade da planta, pola posta en marcha da actividade industrial logo do período de parada anual.

- 09:44 20/12/2006
Tags:

Segundo a APDR, non se trata de feitos illados, senón que se repiten con frecuencia dende hai tempo "sen que por parte da empresa nin das autoridades locais, autonómicas ou estatais se teñan adoptado as medidas necesarias para impedilos". A asociación advirte do perigo potencial que entrañan estes feitos. Existe risco de danos persoais ou ambientais severos, e non existe un "Plan de Emerxencia Exterior" que poida funcionar no caso dun accidente grave no complexo, o que aumenta o grado de indefensión da poboación. Isto debería abondar para paralizarse a actividade de ENCE-ELNOSA na súa actual localización, "que segue a ser ilegal, xa que incumpre as exixencias do RAMINP no que fai á distancia mínima exixida aos núcleos de poboación". A APDR esixe ao Concello que abra un expediente sancionador á empresa pola alarma social provocada e por incumprimento da lexislación en materia de ruídos. Tamén solicita coñecer os resultados das medicións do ruído realizadas pola Policía local na noite do 29 ao 30 de novembro, e que inste á Xunta de Galicia a aplicar o acordo programático de goberno no referente ao complexo e decrete o fin da actividade industrial de ENCE-ELNOSA en Lourizán en base ao incumprimento do RAMINP.


0/5 (0 votos)