Este martes 19 de decembro, ás 11:30 da mañá, o director executivo de Greenpeace, Juan López de Uralde, visitará a Fábrica Massó en Cangas para apoiar áveciñanza que leva dende o 3 de outubro do ano pasado paralizando a obra do porto deportivo de Massó, un área potexida e sobre terreos de domino público. Dende Greenpeace lembran que o presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri, afirmou este pasado novembro que non é necesario construir máis portos para respostar á demanda de amarres en Galiza. "Os diques de abrigo dos portos supoñen unha barreira física que altera as correntes mariñas e as achegas naturais de area, e poden afectar ás praias e ás zonas de marisqueo e de pesca de baixura, ademáis de producir un aumento da contaminación", advirten. Na tarde desa xornada, Greenpeace dará a conferencia A loita ecoloxista e a protección do litoral cara a un desenvolvemento sostíbel. Será ás 17:30 no SalaSon, na rúa Lírio.
Seis mil vivendas e un porto deportivo ameazan a Ría de Aldán. Galiza está entre as rexións que acumulan máis agresións no seu litoral, como advirte Greenpeace no Informe Destrucción a toda costa 2006: a saturación urbanística, o incremento de portos deportivos e os graves problemas de contaminación derivados da deficiente depuración das augas residuais son o principal problema.
Neste informa fálase tamén do movemento veciñal: "En Cangas do Morrazo as protestas da veciñanza conseguiron paralizar o novo plan de urbanismo, a pesar de que o concello xa asinara dous convenios urbanísticos polos que cobrou tres millóns de euros de adianto: un para construír 5.000 vivendas na ría de Aldán e un segundo para situar un porto deportivo e 1.000 vivendas unifamiliares nunha antiga fábrica de conservas da empresa Residencial Marina Atlántica SA. O proxecto ocuparía 250.000 metros cadrados da lámina de auga que actualmente ten autorización para mariscar ostra, ameixa e navalla. Desde hai máis de oito meses un grupo de veciños agrupados no "Foro social pola defensa do pobo" da localidade montan garda diaria para impedir o inicio das obras, temendo a coñecida política de feitos (neste caso, obras) consumados".