As tres primeiras etapas da Vuelta 2007 discorrerán por terras galegas. Vigo, Allariz e Viveiro serán as localidades de saída das primeiras xornadas da volta ciclista a España, que se presentou en Madrid coa presenza da conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.
A primeira etapa, o sábado 1 de setembro, terá saída e chegada na cidade olívica, e un percorrido de 145 quilómetros. O día seguinte os deportistas partirán da vila ourensá de Allariz con destino en Compostela e unha distancia de 150 quilómetros.
A terceira etapa, o 3 de setembro, servirá de despedida de Galiza aos ciclistas, que sairán de Viveiro con destino en Luarca, en Asturias, ao longo de 155 quilómetros. Durante a presentación, na que estiveron tamén Valery Karpin, Álvaro Pino e Óscar Pereiro, a conselleira salientou o bo momento que está a vivir o ciclismo galego coa creación do equipo Karpin Galicia.