Arredor do 30% das armas fabricadas no Estado son vendidas a países en conflito, onde se violan os dereitos humanos ou con elevados niveis de pobreza, incumprindo xa que logo o código de conduta estabelecido pola Unión Europea. Hai un mes que o Congreso aprobou por unanimidade unha proposta que poñía un ano de prazo para que o executivo presentase un proxecto de lei para o control do comercio de armamento. Esta semana cumpriuse o tempo estabelecido e non hai noticia de que o goberno vaia facer pública iniciativa ningunha. Por isto, Amnistía Internacional, Greenpeace e Intermón, unen as súas voces para denunciar a falta de transparencia neste negocio e pedir unha lexislación que controle o comercio de armas.