Un de cada catro galegos toma alcol todos os días. Así o revela un estudio do Ministerio de Sanidade sobre o consumo de drogas. A investigación sitúa a Galiza en primeiro lugar do consumo etílico diario, dez puntos por riba da media estatal. Ademais, o índice galego de tabaquismo é maior có español. Unicamente o uso de cannabis é menor en Galiza.
Máis dun terzo dos galegos fuma tabaco todos os días. Malia todo, semella que a nicotina é cada vez menos popular, pois o 32,8% dos españois fuma a diario na actualidade, cinco puntos menos ca en 2003.
Os homes e os menores droganse máis
En termos xerais, o estudio indica que os homes recorren ás drogas máis a miúdo que as mulleres. "Por cada 3 homes consumidores de cannabis no último mes, hai unha muller; e por cada muller que tomou cocaína no mesmo tempo, hai dous homes", indican os resultados da macro-enquisa.
O cannabis segue ser a droga ilegal máis popular. Máis do 22% dos galegos tomouna algunha vez, aínda que só o 5,7% recoñeceu tela probado no último mes, o que sitúa a autonomía por debaixo da media estatal. A Ministra de Sanidade, Elena Salgado, destacou que o consumo esporádico desta substancia estabilizouse mentres que aumentou a súa percepción de risco.
A enquisa revela que son os menores de 35 anos os que máis empregan sustancias psicoactivas. Hai unha excepción, os sedantes sen receita, que son especialmente populares entre as mulleres maiores de 35.
O estudio realizouse en base a 27.869 entrevistas polo que, segundo Salgado, está "entre os tres máis importantes dos que se fan en Europa" sobre o consumo de drogas.