Fernando Echávarri e Antón Paz escalaron unha posición na xornada deste domingo no mundial de tornado que se está a celebrar en Bos Aires. Os galegos, vixentes campións do mundo, ocupan agora a décima praza do torneo. Na primeira regata do día o Movistar rematou en vixésimo sexto lugar. Pouco despois, os regatistas do Real Club Náutico de Sanxenxo acadaron a súa mellor marca no que vai de campionato cun meritorio terceiro posto. Todo parece indicar que serán os australianos Bundock e Ashby os que leven o triunfo na xeral xa que lideran a clasificación con trece puntos de vantaxe.