A asociación cultural e deportiva Unha grande chea, de Cambados, vai celebrar o primeiro aniversario da súa páxina web dun xeito moi especial. O 23 de decembro organizará unha homenaxe a Ramón Cabanillas, na que haberá conferencias e actuacións musicais. Participarán o presidente da entidade, Fico, que falará do lado cómico de Cabanillas; o académico Francisco Fernández Rei, que disertará sobre a obra poética do autor, e mais Benjamín Rey, director da curtametraxe A fouce esquecida, que explicará como se fixo o filme. A parte musical correrá a cargo do gaiteiro do grupo Treixadura Xaquín Xesteira, de Manso e os seus amigos e de Xoán e Blas, que interpretarán a banda sonora da curtametraxe, que será exhibida ao final do acto. A fouce esquecida tivo como protagonista o falecido Xosé Luís Núñez.