Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROMOCIÓN DO PATRIMONIO NÁUTICO, CULTURAL E GASTRONÓMICO

Galiza será a convidada de honra na feira marítima máis importante do mundo

A tradición marítima galega será o protagonista principal da Feira Marítima Internacional de Brest do próximo 2008. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, asinou este luns en París o convenio polo que Galiza será o país convidado de honra nesta feira que, cada catro anos, reúne a maior concentración de embarcacións tradicionais de todo o mundo. No acto de presentación, e diante de François Cuillandre, presidente da Asociación Brest 2008 e alcalde da localidade francesa, Bugallo sinalou que "queremos compartir a nosa riqueza e participar nunha posta en común da diversidade cultural que ten o mar como fondo común".

- 17:25 04/12/2006
Tags:

Será do 11 ao 16 de xullo do 2008 cando o patrimonio marítimo, a cultura e a gastronomía galega ocupen un lugar destacado na feira internacional. Segundo Ánxela Bugallo, "Galiza traerá a esta localidade o mellor da súa cultura náutica: as embarcacións que forxaron a nosa tradición, a arte e o folclore que nos define e que forma parte da nosa identidade".

A tradición marítima galega estará representada por 20 embarcacións que permanecerán abertas ao público e participarán en desfiles diarios. A promoción de Galiza como destino turístico tamén será unha das bazas a xogar na feira. Deste xeito, a consellaría organizará un escenario propio dentro do recinto galego, que acollerá todos os días actuacións musicais, obradoiros de actividades tradicionais e degustacións gastronómicas.

O acordo asinado este luns estabelece tamén unha colaboración no eido da cultura marítima entre Galiza e Bretaña. Así, unha delegación da feira de Brest participará no Salón Náutico de Vigo (do 1 ao 4 de marzo de 2007) e na Festa do Mar de Ferrol (en xullo do 2007).


0/5 (0 votos)