Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O Bierzo

Edición xestionada por Vieiros
RSS de O Bierzo
PROTESTA

Fala Ceibe denuncia a pouca presenza do galego no Estatuto de Castela e León

A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo (www.falaceibe.tk) denuncia que o proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León, aprobado o 29 de novembro, polas Cortes rexionais, non medrou o recoñecemento xurídico do idioma galego. Así pois mantense en dito proxecto o mesmo texto do actual Estatuto de Autonomía de 1999, "gozarán de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice" (novo artigo 5.3).

- 12:57 04/12/2006
Tags:

Porén, intrudúcese a seguinte novidade "o leonés será obxecto de protección específica por parte das instituciois polo seu particular valor dentro do patrimonio lingüístico da comunidade. A súa protección, uso e protección será obxecto de regulación" (artigo 5.2). Non se comprende esta distinta regulación estatutaria que se fai coas dúas linguas minoritarias de Castela e León.

Por qué o leonés vai ser obxecto de regulación xurídica e mailo galego non?. Os galego-falantes d'As Portelas da Alta Seabra e d'O Bierzo tamén temos todo o dereito a que se regule legalmente os noso idioma propio, para que se formalice xuridicamente a súa protección, uso e promoción. Esiximos pois unha protección igualitaria para estes dous idiomas minorizados no proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León, de non o facer, teráse esta intervención política das Cortes rexionais como discriminatoria co idioma galego e coa súa comunidade lingüística. Lembremos que o propio proxecto de Estatuto recoñece, como obxectivo das políticas públicas (artigo 16.23), "a non discriminación e o respecto dos distintos colectivos étnicos, culturais e relixiosos en Castela e León, con especial atención á comunidade xitana, fomentando o entendemento mutuo e as relaciois interculturais". Polo tanto, a comunidade galego-falante, ao abeiro deste descrito apartado, paga a pena tamén a non discriminación cultural respecto a outros colectivos.

Fala Ceibe do Bierzo pretende que este proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León, cando principie a tramitación nas Cortes Xerais, sexa obxecto da necesaria reforma. Neste sentido, tanto o ministro de Administraciois Públicas, Jordi Sevilla, coma o presidente do Senado, Javier Rojo (en Valladolid e Palencia respectivamente, o 30 de novembro), xa se amosaron favoráveis á reforma estatutaria nas Cortes Xerais. Tamén na anterior reforma do Estatuto de Autonomía, a fins de 1998, os parlamentarios do Congreso incluíron o recoñecemento do galego no proxecto de lei orgánica, mentres que no seu anterior tramitación, nas Cortes de Castela e León, negáronnos tal recoñecemento. Por iso confiamos de novo en que a maior pluralidade política, presente nas Cortes Xerais, servirá para debater máis profundamente sobre a pluralidade lingüística de Castela e León, e a necesidade dun mallor recoñecemento xurídico desta diversidade cultural no Estatuto de Autonomía.

Cando se inicie a tramitación parlamentaria do proxecto de Estatuto de Autonomía de Castela e León nas Cortes Xerais, Fala Ceibe do Bierzo contactará cos partidos políticos presentes nestas Cámaras (PP; PSOE, BNG, IU, ERC, CHA e demáis) para informarlles axeitadamente da peculiar problemática cultural da comunidade lingüística galego-falante d'O Bierzo e As Portelas de Seabra. Pretendemos que os partidos reformen o actual proxecto de Estatuto de Autonomía para evitar a xerarquización entre os idiomas da Comunidade Autónoma e calquera discriminación lingüística. E a mellor forma de protexer o noso idioma galego é a través da declaración de oficialidade no comentado Estatuto de Autonomía, da mesma maneira que xa se fixo con outros idiomas minoritarios, casos do éusquero na Comunidade Foral de Nafarroa e mailo aranés no Estatut de Catalunya.


0/5 (0 votos)