Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
DENUNCIA DA ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA

Avisan de que o PXOM lugués permitirá construír en zonas con risco de anegamento

O río Miño, o Narla e outros cursos de auga do contorno de Ombreiro, en Lugo, veñen amosando fortes crecidas nos últimos anos, mesmo ocupando predios próximos e chegando a vivendas. E porén, o Concello de Lugo planificou a posíbel construción en terreos con risco de anegamento até as mesmas ribeiras dos ríos. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, critica o proxecto e advirte que tamén lle afecta a zonas protexidas como espazo natural.

- 10:26 04/12/2006
Tags:

Coa presentación de alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, o grupo local en Lugo do colectivo ecoloxista Adega, vén denunciando esta situación. "A construción de vivendas suporá unha moi probable agravamento da situación de inundación para as persoas e para os bens", indican, laiándose de que por riba "vaise solicitar probablemente que se leven a cabo obras para evitar os futuros danos, o que implicará unha nova agresión ao contorno, sen solucionar o problema".

"Loitar contra a natureza é, ao noso xuízo, un despropósito", lamentan os ecoloxistas, recordando os recentes desastres acontecidos en diversos lugares de Galiza debidos á ocupación urbanística de espazos naturais. Sobre este lugar en concreto, lembran que en anos pasados Protección Civil tivo que cortar a estrada que une o alto de Ramil e Ombreiro, á altura da ponte sobre o Miño, por medo a que a suba do nivel da auga puxese en perigo os veciños.

Por este motivo, insisten en que o Concello debe "cambiar" os seus plans urbanísticos, non só aquí, senón noutros puntos conflitivos, como son "o barrio da Ponte" e as beiras dalgúns ríos e regatos, "Fervedoira, Rato, Mera...". Ao fío, piden que a Confederación Hidrográfica, Augas de Galiza e a Dirección Xeral de Urbanismo, vixíen este tipo de situacións.


0/5 (0 votos)