Os premios do XX Certame de poesía "Rosalía de Castro" foron para Homenaxes Involuntarios, de Gustavo Peaguda Pérez, de Santiago; Alba Cid Fernández, de Ourense, polo poema Poética Cóncava; e para o santiagués Israel Martínez Veiga, por A batalla dende a eclipse. O galardón do III Certame de Narrativa "Rosa Reboredo" foi para Alberto Ramos Díaz, de Madrid, co texto titulado Margarita Feng Shui.
Estes certames convocados pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà son dos máis prestixiosos en lingua galega fóra de Galiza. Por eles teñen pasado escritores e escritoras galegas, moitas delas residentes fóra da comunidade, como amosa o fallo deste ano e de anos anteriores.
O acto de concesión dos premios celebrouse o pasado 25 de novembro, nunha cea no restaurante da entidade presidida polo alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, e o presidente da Asociación, Ricardo PÉrez Anta. O evento contou coa asistencia de Carlos Santiso, da Secretaria Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, representantes municipais do Concello, diversas autoridades do mundo da cultura e a política catalá, e tamén con delegacións das entidades galegas da área de Barcelona, socios e amigos da asociación e os membros de xurado.
O xurado estaba presidido por Xosé Benito Reza Rodríguez, Director Xeral de Conservación da Natureza, da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta, e a Vicepresidenta foi Margarita Álvarez Álvarez, Ex Presidenta do Institut Català de la Dona. Como vogais estiveron Pura Salceda Carballeda, Doutora en Filoloxía Románica pola Universitat de Barcelona, Xulio Simón Rúa, escritor e profesor en Pontevedra, Noelia Vilas Blanco, Licenciada en Filoloxía Galega e Profesora de Lingua e Cultura Galegas en Cataluña, Xosé Lamela, escritor e director do programa de Ràdio Cornellà 'Sempre en Galiza' e Xosé Carlos García González, Doutorando en Filoloxía pola Universitat de Barcelona.
Asociación Cultural Rosalía de Castro
Frederic Soler, 71 | 08940 Cornellà
Telf.: 93 375 11 03 / 10 54