O día foi claro e o calor do sol de Marzo non intimidou ós entusiastas xoves que o sábado decidiron dedica-la mañá a unha actividade solidaria. Con tenis e roupa cómoda, ó redor de dous mil rapaces duns trinta colexios e parroquias da comarca tomaron parte na Marcha contra a Fame organizada por Manos Unidas. A camiñata levou por toda a cidade a xoven preocupación por recadar fondos para os países menos favorecidos.
Os participantes estaban convocados ás dez da mañá na praza de A Palloza, punto dende onde partiu este ano a marcha, habitualmente dende Santa Cruz, debido á folga de transportes.
A organización dos trinta grupos -sobre todo colexios e parroquias- que se sumaron á iniciativa dende distintos puntos da cidade e a comarca e o reparto de pegatinas demorou ata as 10:45 h. a saída do peculiar maratón, durante o cal mantiveron a súa particular competición uns dous mil xoves.
Tratábase de que cada un reunise a maior cantidade de cartos buscando ós seus patrocinadores, é dicir, logrando o pago dunha determinada cantidade por kilómetro recorrido.
O obxectivo conxunto da Marcha contra a Fame, que celebrou o sábado a súa 40ª edición, era reunir tres millóns de pesetas para distribuir nos diferentes proxectos que cada colexio e parroquia apoia en países do terceiro mundo, dende centros de acollida para mulleres na India, ata pozos en Burkina Faso, ou a dotación de material para Honduras (arrasado polo Mitch).
A comitiva recorreu Linares Rivas ata o Obelisco, cruzou a Rúa Nova ata o paseo marítimo, dirixiuse ata Labañou, dende onde voltou pola paseo ata a Torre e rematou o seu percorrido, preto das dúas da tarde e tras facer uns dez kilómetros, na plaza de María Pita.
Rubén García