Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INDUSTRIA PRESENTA NO PARLAMENTO O PLAN ENERXÉTICO GALEGO 2007-2012

En cinco anos, o 95% da enerxía consumida en Galiza virá de fontes renovábeis

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou este martes no Parlamento o Plan Enerxético Galego 2007-2012. O documento recolle actuacións en materia de xeración, transporte e distribución da enerxía. Segundo o conselleiro nacionalista, para o final do período de vixencia do plan, no 2012, o 95% da enerxía consumida procederá de fontes renovábeis. Calcúlase que nese tempo poderíase aforrar o equivalente a máis de dous millóns de toneladas de petróleo.

- 17:08 21/11/2006
Tags:

Segundo Fernando Blanco, o novo plan procurará a "consolidación dunha base enerxética sólida no país, que sexa vector clave do escenario de crecemento industrial e económico e faga aumentar os niveis de vida e benestar dos galegos e galegas". O conselleiro nacionalista tamén sinalou que o documento sentará as bases dunha industria que "será o motor do desenvolvemento económico do país".

Neste sentido, as principais liñas de actuación da consellaría tamén recollen a intención de reducir a dependencia enerxética diversificando as fontes de enerxía e potenciando as renovábeis; impulsar o aforro e eficiencia enerxética e reducir o consumo; fomentar a I+D+I no eido enerxético e lograr que boa parte dos beneficios da xeración eléctrica queden no país en proveito dos cidadán e mediante a participación pública en empresas enerxéticas.

No período de vixencia do plan investiranse un total de 6.556 millóns de euros, dos cales 4.410 millóns destinaranse ao desenvolvemento de enerxías renovábeis, 1.018 á xeración eléctrica convencional e 619 ás infraestruturas eléctricas.


0/5 (0 votos)