O ciclo Mulleres no Tempo endereita este mes de santos pola vía que permitiu a romanización da Gallaecia, as terras verdes que medran máis aló do río Limes e se estenden até a Finis Terrae. Os Troleiros de Provença unha vez máis facendo unha importante achega á verdadeira vida das nosas antergas de hai dous mil anos. Para iso, foi preciso pescudar na memoria colectiva das moradoras que pasaban do esquecemento como quen pasa o río Limes e mirábanse fachendosas no espello das rías. Informa Lito Caramés.
Neste ano no que se pretende recuperar a Memoria Histórica, Furafollas Agrupación Teatral contribúe a tal evento aportando fundamentais argumentos, abundante documentación, pezas imprescindibles e testemuñas que permiten, dunha vez por todas, sopesar a romanización. Peregrinaron as mulleres de Roma até a Fisterra que se albiscaba máis aló do río que destrúe a memoria? Como reaccionaron as castrexas ante os uniformados romanos? Que personaxes importantes visitaron as nosas terras? Que viñan buscando? O Bruto cociñou en Gallaecia o asasinato de Xulio César?
Estas interrogantes e moitas outras serán aclaradas e razoadas o día 8 antes das calendas de Nadal (mércores, 22 de santos entre as 20,30 e as 21,30 h.), e de balde. Furafollas Agrupación Teatral quere convidar a toda a poboación de Barcelona para que asista ao gran teatro Sargadelos e goce dun espectáculo meritorio de aplausos e berros (Panem et Circenses!, poño por caso). Os asistentes constatarán, así mesmo, que as comedias en Roma sempre remataban coa entoación de fermosas cantigas. Cantigas como as que interpreta a nosa compatriota, a celebérrima artista Carmiña B.
Para rematar esta invitación -e nas palabras dona Carmiña B.- lembrade que: "as artes escénicas do Imperio eran moi alegres e audaces, sempre daban unha de romanas".
Actuación de Furafollas
Unha de Romanas, dentro do ciclo "Mulleres no Tempo"
Mércores, 22 de novembro, ás 20.30 h.
Galería Sargadelos Barcelona
Provença 274
Tel.: 93 215 03 68