Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PROGRAMACIÓN DO BAR LICEUM

Linho do cuco, Narf e Nordestin@s para quentar o inverno

Remata o outono no Bar Liceum do Porriño cos mellores músicos galegos do momento: xa tivemos un outono animado coa presentación do novo disco de Sugar Mountain, El Chivi, Arístides Moreno e os Fabulosos Cubatas de Focking Brothers. Agora é a quenda dos mellores grupos galegos: a recuperació da música tradicional da frutífera zona da Estrada, da man do Linho do Cuco, e o eclecticismo de dúas propostas moi frescas: os sons de Fran Pérez e compañía en Narf, e o proxecto Nordestin@s, no que as voces de Guadi Galego e Ugia Pedreira e o cálido piano de Abe Rábade hannos envolver no recendo do mar do norte.

- 11:15 14/11/2006
Tags:

Linho do cuco nace como asociación cultural, aló polo ano 1996, coa intención de recuperar e divulgar o folclore da zona de A Estrada. Desta asociación inicial, o único que se mantivo foi o grupo de gaitas, que se foi enriquecendo con outros instrumentos até formar unha murga ou orquestina, como as que se podían escoitar en Galiza a principios do século pasado. Tuba, óboe e acordeón diatónico danlle ao grupo unha personalidade especial. Editaron xa un disco e Nakra, con colaboracións como a de Óscar Fernández Sanjurjo, de Os Cempés, ou Pedro Pascual, de Marful, e artistas como Uxía Senlle. Agora andan a gravar un segundo traballo discográfico, e este venres 17 poderemos velos a partir das once no Liceum. Os prezos 5 euros, 4 anticipada e 2,5 para socios.

Novembro remata con Narf, recén chegados de Cuba, onde participan no programa de intercambio cultural Os caminhos de Santiago, organizado pola Concellaría de Cultura compostelá. Fran Pérez curtiuse nos locais composteláns, con Chévere, na Nasa ou na Psicofónica de Conxo. O primeiro disco de Narf foi gravado no 2003 na Borriquita de Belém. Para este amante de Bela Bartok, os Beatles e o rock de guitarras de finais dos 90, o reto está agora en seducir ao público coas súas harmonías aguzadas, inflexións urbanas e melodías espidas. Cancións que son dardos sen punta, poemas contemporáneos que deixan doce sabor de boca, pezas lúdicas para combatir os demos deste século XXI sen agresividade. Hoxe (xa con Pepe Sendón e Marcos Teira) embárcase en mil proxectos na procura dunha linguaxe uinversal que trascende fronteiras: xa estivo e Niteroi, e máis no "partido de volta", tocando cos brasileiros Lílian França e Sérgio Tannus no Teatro Principal compostelán, e outro interesante proxecto con sonoridade lusófona foi Bumba!, cos mozambicanos Timbila Muzimba. Narf estará no Liceum o 24 ás once.

E para rematar, o 1 de decembro gozaremos dos sons da Mariña con Nordestin@s, un cóctel feito con dúas voces galegas de máxima actualidade, Guadi Galego e Ugia Pedreira, un repertorio no que volve ás súas infancias, en Cedeira e Foz respectivamente (cancións populares dos 70, habaneiras, cancións mariñeiras, cancións de taberna...), e os arranxos, a elegancia e o talento dun dos mellores músicos de jazz da Península, o lugués Abe Rábade. Un piano de cola, dúas mulleres con medias de rede e unha escollera, a escenografía do artista mindoniense, Caxigueiro. Guadi Galego, voz e gaita do grupo Berrogüetto, gravou recentemente Espido co guitarrista Guillermo Fernández, e compaxina a súa actividade como docente de canto tradicional e linguaxe musical na Academia Berenguela e no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Ugia Pedreira é fundadora deset, e puidemos escoitala con Marful, Chouteira, e moitos outros grupos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: