Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVIDADES EDITORIAIS

Publícanse os Premios Xerais e descóbrese Claudia Grandal

A escritora que gañou o XV Premio Álvaro Cunqueiro de Literatura Dramática con O caso Otero era unha completa descoñecida. Claudia Grandal era realmente o pseudónimo de Manuel Guede Oliva, anterior director do CDG, que escolleu o nome da protagonista dunha novela súa (candidata a Xerais nos 80) para concorrer ao premio. Nesta semana de misterios literarios, e falando de premios Xerais, volve á carga Diego Ameixeiras con Tres segundos de memoria. A editoria publica as tres novelas premiadas este ano en diferentes coleccións, e Galaxia achega tamén novidades.

- 13:26 27/10/2006
Tags:

Esta semana saiu do anonimato Claudia Grandal, realmente Manuel Guede, gañador do premio Álvaro Cunqueiro coa obra O caso Otero. Saíron tamén do prelo as novelas premiadas por Xerais este ano: a novela gañadora do Merlín, O tesouro da lagoa de Reid'Is, de Agustín Agra, preséntase hoxe venres en Noia, ás oito e media. É unha novela fantástica na que dous rapaces descobren unha serie de misterios sobre o pasado do seu avó, nun mundo máxico de cidades asolagadas, urcos, heroes e heroínas. O gañador do premio de novela xuvenil, convocado este ano por primeira vez pola Fundación Caixa Galicia, foi Jaureguízar, que volve ambientar unha novela na fronteiriza Negueira de Muñiz, como xa fixera con Casa Skylab, premio Xerais no 2003: A cova das vacas mortas é unha historia de amor difícil entre adolescentes, na que se mesturan a memoria histórica, os posicionamentos perante a vida, o conflito... E, dende logo, sae tamén do prelo o Premio Xerais deste ano: a terceira novela do novísimo Diego Ameixeiras, quen nos introducira nas tramas detectivescas de Horacio Dopico con Baixo mínimos e O cidadán do mes. Tres segundos de memoria conta as frustracións da xeración post fracaso, da xente de trinta anos, ben preparada e non obstante no paro, que se ve forzada a vivir unha prolongación artificial da adolescencia.

Ademais, Galaxia edita a primeira novela do ponferradino Luís Paradelo: Xelamonite. O protagonista reconstrúese polas rúas das cidades cun deambular que abrangue as vivencias do pasado e do presente para conformar a realidade, nun New Jersey que o acolle como cidadán anónimo, perdido no enxamio despersonalizado da metrópole, e nun Ourense ao que tampouco se adapta. A actividade política armada en Galiza centra esta intrigante novela con nome de explosivo. Desamor e búsqueda nunha novela itinerante.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: