Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GOBERNO E OPOSICIÓN RIFAN NO PARLAMENTO POLA TVG

A democratización dos medios públicos segue pendente co bipartito

Durante anos, a democratización dos medios públicos foi reiterada esixencia de PSdeG e BNG, que toparon sempre coa negativa do PPdeG a afrontar as reformas lexislativas que garantisen a independencia da radio e a televisión públicas galegas. Paradoxalmente, os populares piden agora desde a oposición que socialistas e nacionalistas lle dean adiante a esa lei, lembrándolles que é unha promesa incluída no pacto de goberno do bipartito. As tres formacións enfrontáronse este mércores no Parlamento arredor deste tema. Os populares argumentaron que "a TVG é brazo mediático de Touriño" e denunciaron "manipulacións informativas" e redución de audiencia. Fronte a iso o presidente da Xunta argumentou que a nova dirección recortou nun 36% a débeda acumulada e reforzou en cantidade e calidade os informativos.

- 15:22 25/10/2006
Tags:

O acordo de goberno asinado no verán de 2005 por PSdeG e BNG recollía un apartado específico onde se comprometían á elaboración dunha lei que garantise "a autonomía e o carácter de servizo público da CRTVG", indicando que esa lei establecería o nomeamento do director xeral "por maioría cualificada do Parlamento" e garantiría "o acceso dos distintos sectores e organizacións sociais galegos aos medios de comunicación públicos". Ano e medio despois aínda non hai resultados concretos.

Alén dos enfrontamentos entre as tres formacións políticas, a medio prazo agóirase un probábel consenso para afrontar esa reforma lexislativa, toda vez que o executivo promete achegar o borrador da reforma dos medios públicos antes de que remate a lexislatura e co paso á oposición, o PPdeG amósase agora favorábel a un sistema que favoreza a independencia da CRTVG respecto ao poder político.

O debate chegaba ao Parlamento coa pregunta do deputado nacionalista Carlos Aymerich sobre a necesidade de impulsar o "compromiso de rexeneración democrática" nos medios públicos galegos asinado polo bipartito, e lembrando as propostas da iniciativa lexislativa popular chegada co impulso do Colexio de Xornalistas. Aproveitou Aymerich para lembrar "o clientelismo, o desgoberno e a manipulación descarada do PP cos medios de comunicación públicos", e chamou ao avance cara a unha televisión que non se cinga "ao relato da axenda político e aos sucesos". Na súa opinión, o obxectivo é "cubrir as novas que lle interesan a Galiza desde unha óptica galega, cuns medios de comunicación que sexan motor da sociedade e promovan o galego".

O día anterior, o PP zoupara unha vez máis contra a CRTVG, facendo balanzo dun primeiro ano baixo o novo equipo que segundo avalían "non pode ser máis negativo". "Audiencia, publicidade, referencia informativa, deporte, clima social e laboral e cumprimento da normativa legal pola que se rexe a CRTVG experimentaron un importante retroceso", asegurou Alberte Núñez Feijoo, quen se queixa de que a televisión galega é "brazo mediático da Xunta, en especial do presidente, cunha persecución sistemática do PP e censurando ou manipulando a súa actividade".

"Este tratamento informativo non fai máis que desacreditar á TVG, que se traduce nunha perda de audiencia progresiva, moi lonxe dos índices acadados nos últimos dez anos", indica o PPdeG. Os populares tamén aseguran que as vendas de publicidade baixaron máis dun 10%, "défice que compensarán os galegos con cartos dos seus petos" e referíronse ademais ao "fracaso da negociación cos traballadores do convenio colectivo".

Touriño defende que xa se produciu un cambio "profundo"
"Multiplicáronse por sete os minutos semanais adicados á cultura e elimináronse as cinco horas diarias de telenovelas, que vían sobre todo cativos de 4 e 12 anos". Foi un dos argumentos utilizados polo presidente da Xunta na súa intervención parlamentaria deste mércores, onde destacou tamén o incremento do tempo dos informativos.

Puxo como exemplo significativo "as cen horas de espazos especiais durante a vaga de lumes, con máis de 170 convidados, entre eles o propio presidente do PPdeG". Ao fío dese mesmo período, detallou que oito programas informativos da canle pública entraron na lista dos dez máis vistos polos galegos nesa primeira quincena de agosto. "Datos que contrastan co acontecido durante a crise do Prestige, cando ningún informativo da TVG aparecía entre os programas máis vistos en Galiza", ironizou. "Isto é cumprir cunha función de servizo público", insistiu.

Emilio Pérez Touriño destacou tamén que o labor no novo equipo á fronte da CRTVG ten o aval da redución da débeda da institución, "que en novembro do 2005 era de 87 millóns de euros e queda agora en 31 millóns, un 36% menos". Outro dato que quixo salientar Touriño foi o especial crecemento da audiencia da Radio Galega, "que nas últimas sondaxes amosa os mellores datos de toda a súa historia, con 180 mil oíntes de media entre luns e domingo".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: