Un dos eventos máis agardados do ano volve ás pantallas compostelás para acoller a todos os que queiran gardarse da choiva cun bo filme. O Festival Cineuropa vén máis sólido ca nunca: trae este ano máis dun cento de filmes, dos que cincuenta son estreas, e consolídase así como festival de referencia, logo de vinte anos que o consolida como o festival cinemtográfico máis lonxevo de Galiza. Esta vixésima edición trae a máis ampla e variada programación da súa historia. Do 2 ao 30 de novembro, Compostela será a capital do cinema independente, social e de autor.
Atoparemos novidades nos premios e as seccións: ás xa tradicionais oficial, panorama internacional, documental e clásicos do cinema, engádeselle este ano un apartado dedicado ao cinema musical recente. Por outra banda, reforzará a sección de cinema asiático con títulos imprescindibles no actual panorama cinematográfico, como The Host, unha fita coreana de terror que arrasou nos despachos de billetes en Asia.
Entre as xoias cinematográficas que o espectador poderá ver este ano destacan Grbavica, gañadora do Oso de Ouro na Berlinale; El violín, premio ao mellor actor no festival de Cannes; Indigenes, premio á mellor interpretación en Cannes; Requiem, recoñecida como mellor película en Sitges, e El camino de San Diego, premio do Xurado en San Sebastián. tamén veremos os últimos filmes de Aki Kaurismaki, Sydney Pollack, Raúl Ruiz, Steven Soderbergh, Goran Paskaljevic ou Claude Chabrol. Na sección Cinefilias, de clásicos do cinema, exhibiranse filmes de Sam Peckinpah, Richard Fleischer e Godard, entre outros. E o traballo de Sydney Pollack ou de Werner Herzog poderáse ver no apartado de documentais.
Nesta edición as proxeccións, ademais de no Teatro Principal, o Salón Teatro, a Sala Yago, e a Fundación Caixa Galicia, desenvolveranse na Aula de Cultura de Caixa Galicia e no CGAC.